Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2024 | Actualizada ás 14:33
Representantes da Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), sindicato máis representativo nas administracións públicas, concentráronse este luns fronte á Subdelegación de Goberno en Pontevedra para reclamar a mellora das condicións laborais e salariais dos empregados públicos e en defensa de Muface, a Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado. Ao redor dunhas corenta persoas con bandeiras e pancartas, corearon consignas a ritmo de bombo e chifres desde as doce da mañá e durante preto dunha hora.
Do mesmo xeito que en Pontevedra, o sindicato mobilízase en toda España para desbloquear a negociación colectiva na Función Pública e que se comece a negociar a mellora das condicións laborais do conxunto dos empregados públicos. Entre as reivindicacións atópanse negociar un novo acordo salarial, a recuperación da estrutura salarial previa aos recortes de 2010 co cobro íntegro da paga extra, equiparación salarial da Administración Xeral do Estado co resto de administracións, a oferta de emprego público para 2025 sen taxa de reposición e a culminación do proceso de estabilización de prazas interinas a finais deste ano.
Ademais reclaman melloras nas condicións de xubilación e un financiamento adecuado para o Mutualismo Administrativo que permita a súa continuidade. Tamén denuncian as desigualdades retributivas entre administracións polo que esixiron "a igual traballo, igual salario". Segundo os representantes sindicais da CSIF, estas mobilizacións prolongaranse no tempo no caso de que o Goberno non atenda as súas esixencias tanto a de sentar a negociar as melloras das condicións laborais dos empregados públicos, como a de garantirlles unha asistencia sanitaria de calidade a través de Muface, Mugeju e Isfas.
Ademais, os representantes da CSIF celebraron que o Tribunal Constitucional admitise un recurso de amparo presentado por este sindicato contra a decisión da mesa do Congreso dos Deputados de rexeitar tramitar unha Iniciativa Lexislativa Popular impulsada por CSIF para que os empregados públicos recuperen a estrutura salarial previa os recortes do ano 2010.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.