Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2024 | Actualizada ás 16:49
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a reclamar este xoves un "pacto pola ciencia" en Galicia e unha aposta decidida para gañar "músculo industrial", con "emprego de calidade" e unha actividade sustentable.
Así o trasladou tras realizar unha visita á planta de Ceamsa no Porriño, e insistiu en que Galicia necesita aumentar o seu peso industrial ata o 25 %, "apostando por empresas innovadoras, por empresas sustentables" que permitan dar un mellor futuro aos galegos e galegas.
Respecto diso, reiterou a demanda do BNG de pór en marcha un plan de apoio tecnolóxico e industrial porque é "un obxectivo irrenunciable" que Galicia "gañe músculo" neste ámbito, e así crear "emprego de calidade", apostando por empresas e industrias innovadoras, con base tecnolóxica.
Igualmente, incidiu na importancia de incrementar ata o 2,5 % o peso da ciencia, innovación e tecnoloxía no PIB galego, xa que actualmente a Comunidade está nunha porcentaxe que é "a metade" con respecto a outros países europeos. "Este é un reto fundamental", subliñou Ana Pontón.
A portavoz nacional do BNG tamén avogou pola creación dun instituto, Innogal, como ferramenta de captación e retención de talento, con investimento, e que sirva de "revulsivo" no ámbito económico, xa que a innovación, a ciencia e o desenvolvemento tecnolóxico "son alicerces crave para o futuro" de Galicia.
Finalmente, Pontón incidiu na importancia de que a enerxía "sexa un factor que se poña ao servizo da sociedade, das familias, das empresas e ao servizo das industrias", por iso volveu a reclamar "unha tarifa eléctrica galega" que permita abaratar a factura da luz, e que Galicia sexa compensada por ser unha zona exportadora de enerxía.
"Que se nos compense polos custos ambientais e sociais, porque é evidente que os hai; e sabemos que unha rebaixa na factura da luz significa un elemento moi potente de mellora da competitividade e á hora de atraer empresas, para que Galicia poida gañar ese músculo industrial", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.