As sete cidades agrupan a máis dun terzo dos afiliados á Seguridade Social residentes en Galicia

A maioría no sector servizos, segundo os datos feitos públicos este luns polo Instituto Galego de Estatística (IGE), con información ata novembro de 2024.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2024 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

As sete principais cidades agrupan a máis do 37 % dos afiliados á Seguridade Social (SS) con residencia en Galicia, a maioría no sector servizos, segundo os datos feitos públicos este luns polo Instituto Galego de Estatística (IGE), con información ata novembro de 2024. Así, no undécimo mes do ano, o número de persoas afiliadas á SS residentes en Galicia era de 1.015.692, das que máis dun terzo, 377.235, vivían nalgunha das urbes galegas.

Varias persoas sentadas en bares
Varias persoas sentadas en bares | Fonte: David Zorrakino - Arquivo

Por cidades, Vigo está á cabeza con 113.121 afiliados (un 1,7 % máis interanual), seguida pola Coruña, con 95.599 afiliados (+ 2,2 %); Santiago, con 41.153 (+ 2,4 %); Lugo, con 39.028 (+ 2,2 %); Ourense, con 38.158 (+ 2,9 %); Pontevedra, con 30.787 (+ 2,3 %); e Ferrol con 19.389 (+ 3,6 %). Por sectores, o 73,4 % dos afiliados correspóndese á actividade de Servizos, que se centra nas principais cidades e os seus municipios limítrofes; a Industria concentra ao 13,8 % de afiliados con residencia en Galicia, maioritariamente en municipios do sur da provincia de Pontevedra, e nas comarcas de Valdeorras, Barbanza, Caldas ou Sar.

Na Construción están o 7,4 % dos afiliados residentes en Galicia, especialmente en municipios de Costa da Morte (excepto Corcubión e Fisterra), Cabana de Bergantiños e o sur da provincia de Ourense; e Agricultura/Pesca rexístranse un 4,8 % das afiliacións, con residentes maioritariamente en municipios do interior de Lugo, e das comarcas de Xallas, Terra de Melide, Arzúa e Deza. Así mesmo, do total de afiliados á Seguridade Social con residencia en Galicia, un 5,9 % son persoas de nacionalidade estranxeira, aínda que hai comarcas con rexistros moi por enriba da media. É o caso de Valdeorras, cun 11,4 % de afiliados residentes estranxeiros; A Mariña Central, cun 11,1 %; Verín, cun 10,5 %; ou A Mariña Occidental, cun 9,8 %.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta