Antón Ruanova, por Brasil

O triatleta compostelán volve ao deporte profesional e competirá como brasileiro co obxectivo a longo prazo dos Xogos Olímpicos de 2020. "A idea é ter esa oportunidade que, por desgraza, con España nunca tiven", sostén.

Por gcdeportes | Compostela | 01/03/2016 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

Preto de cumprir 30 anos, Antón Ruanova comeza de cero. Representando a outro país, Brasil. Dous anos despois de deixar o deporte profesional, o triatleta compostelán anuncia que volve á competición, pero como brasileiro e cun obxectivo a longo prazo: participar nos Xogos Olímpicos de Toquio'2020. A súa reestrea acontacerá en Valparaíso (Chile) o vindeiro 20 de marzo.

Antón Ruanova volve á competición baixo nacionalidade brasileira.
Antón Ruanova volve á competición baixo nacionalidade brasileira.

“Hai dous anos abandonei o deporte profesional, canso de ver como me pechaban as portas do meu soño: debutar e competir cos mellores no Campionato do Mundo. Canso da falta de oportunidades malia ser dúas veces subcampión de España Élite e top-14 nas tres Copas do Mundo DO que disputei”, conta na súa páxina web antonruanova.com.

Afincado en Brasil, onde traballa na oficina económica e comercial da embaixada española tras acadar unha prestixiosa beca ICEX, Antón Ruanova seguiu competindo no seu tempo libre: “Sorprendentemente, adestrando no tempo libre, conseguín realizar algunha das mellores carreiras da miña vida (4º na última etapa da Bundesliga de Tríatlon e 3º no circuíto profesional de tríatlon brasileiro). Resultados que principian unha serie de conversas infantís, máis desexos que realidade, para mudar a miña nacionalidade deportiva de España a Brasil”.

Chegado este momento, ao triatleta galego presentouselle o dilema: “A tranquilidade dun bo traballo nunha boa empresa ou a incerteza do deporte profesional?” Ruanova toma a decisión de voltar á loita para cumprir o soño de competir internacionalmente e, a longo prazo, loitar por participar nuns Xogos Olímpicos. “A idea é ter esa oportunidade que con España, por desgraza, nunca tiven. Parto dunha posición de cero. Se vou facendo as cousas ben, o Brasil vaime apoiar", di Antón Ruanova.

Subcampión de España no 2010 e 2013, o triatleta compostelán buscará no país suramericano o que se lle negou na casa. “Escribo xa dende Brasil, o país que sen regalarme nada, ábreme as súas portas para poder continuar ese soño que deixei aparcado no 2013: poder debutar no Campionato do Mundo e pelexar cos mellores. Obrigado Brasil. No horizonte aparece debuxado o rótulo de Toquio’2020. Penso en loitar por estar nuns Xogos Olímpicos e éntrame un arrepío de ledicia. O camiño é longo, incerto e duro. Pero tamén é apaixonante e atópome máis confiado e capaz que nunca”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eueu

Esperemos que algun dia a teñas representado a Galiza, de onde nunca deberias de irte.