Por Galicia Confidencial | Lugo | 06/03/2016 | Actualizada ás 16:00
O PP de Lugo xa ten nova líder. Chámase Elena Candia, é alcaldesa de Mondoñedo e portavoz do PP na Deputación de Lugo. Impúxose co 69,95% dos votos á delegada territorial da Xunta, Raquel Arias.
Candia relevará, deste xeito, ao portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro, que foi, ademais, quen a apoiou fronte á Arias, candidata da dirección galega e de Feijóo. Neste proceso exerceron o seu dereito a voto un total de 739 compromisarios, dos que 512 apoiaron a Candia e 215 a Arias.
Durante a súa intervención, a nova presidenta do PP de Lugo prometeu "unidade e traballo". "Con total humildade, póñome á vosa disposición e, a partir de agora, imos todos na mesma dirección", dixo.
Por iso, avanzou que, ademais de estar "acompañada" polo seu equipo, quere contar co "equipo da outra candidatura para traballar todos xuntos". "Quero ser a líder do Partido Popular da unión e do traballo", engadiu e suliñou que a perdedora "sempre terá un oco" para seguir traballando polo PP.
"Aseguremos o éxito e traballemos todos en equipo porque a partir de agora imos todos na mesma dirección, ninguén é máis que o resto, todos somos un e así nos teñen que percibir tamén de portas para fóra", dixo.
"O máis difícil non era o congreso de hoxe", dixo a presidenta electa, senón o traballo que lle espera a partir de agora. "Coñezo a política desde o lado máis escuro, a oposición", sostivo Candia, pero tamén como "alcaldesa", que mostra "a cara máis amable do servizo público",engadiu.
Por iso, insistiu en que "a sociedade de Lugo necesita un PP forte" e adiantou que "quen máis peso van gañar no partido" serán os militantes, porque vai escoitalos" e "darlles voz", con "máis participación".
Pola súa banda, José Manuel Barreiro, non ocultou as súas preferencias. "Felicito a Elena Candia, á miña presidenta, por gañar este congreso, desexándolle a mellor das sortes, porque será en ben dos galegos e das galegas", dixo. Tamén felicitou a Raquel Arias e ao seu equipo porque "as dúas merecen o noso recoñecemento".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.