O proxecto eléctrico que une a galegos e portugueses nunha loita común

Unha liña de alta tensión provoca unha gran mobilización social nun e noutro lado da fronteira que implica a concelleiros, deputados e eurodeputados.

Por Galicia Confidencial | Arbo | 14/03/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A liña de alta tensión é un proxecto transnacional, promovido por Rede Eléctrica Española e Rede Eléctrica Nacional, as operadoras española e portuguesa, para a construción dunha Liña de Alta Tensión de 400 kV entre Fontefría e Vila do Conde. Un proxecto que está xerando unha forte oposición social e veciñal, sobre todo, en Arbo, Melgaço, Monçao e Ponte da Lima.

Xornada en Arbo en contra da liña de alta tensión entre Galicia e o Norte de Portugal
Xornada en Arbo en contra da liña de alta tensión entre Galicia e o Norte de Portugal

Os colectivos contrarios a esta denuncian que non está socialmente xustificada e que se trazou sen ter en conta os efectos sociais e sanitarios sobre as persoas e as súas comunidades.

Por iso, veciños dun e doutro lado da fronteira levan xa feitos diversos actos de protesta sen que, ata o momento, os gobernos galego e luso teñan feito nada para solventar as súas preocupacións. O último destes actos tivo lugar o pasado sábado e xuntou nunha mesma mesa a representantes políticos locais de Arbo, Melgaço, Ponte da Lima e Monçao, e deputados e deputadas en Bruxelas, Lisboa e Madrid.

Construímos unha mensaxe uniforme de rexeitamento frontal aos intereses especulativos da Rede Eléctrica Española e a Rede Eléctrica Nacional coa Liña de Moi Alta Tensión que queren colocar sobre as nosas cabezas”, apuntaron os organizadores nun comunicado. “Estamos radicalmente en contra dos intentos desas empresas, controladas no caso portugués, por un xigante económico chinés, e no caso español, con participación de fondos especulativos, de enganar á cidadanía co visto e bo de algunhas institucións españolas como a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia”, engadiron.

No acto participou a concelleira de Arbo, Fabiola Durán, que sinalou que o acontecido en Arbo mantén e reaviva a loita contra esta infraestrutura cuxa necesidade social “non está xustificada real e obxectivamente”.

Tamén participaron Pedro Soares, Deputado na Asembleia da República, e Alexandra Fernández, Deputada no Congreso, que anunciaron que levarán as preocupacións dos “miñotos e galegos” a esas institucións. Tamén a Eurodeputada Lidia Senra manifestou que “seguirá con todo o interese a evolución da denuncia ambiental contra a LAT”, admitida a trámite polas institucións europeas.

A xornada, organizado por AGRELAR, coa colaboración da CMVMC de Sela e o GIEEA da Universidade de Vigo,  apostou pola necesidade de manter a acción reivindicativa  conxunta entre galegos e portugueses. Precisamente, a voceira de AGRELAR, Fabiola Durán, lamentou a ausencia de representantes do Concello de Arbo. Pola contra, asistiu o Presidente da Asembleia Municipal de Monção, a Vicepresidenta da Cámara Municipal de Monção, Messegães,  o Presidente da Freguesía de Valadares e Sá de Monção,  o Presidente da Freguesía do Penso de Melgaço así como o Presidente dunha Freguesía de Ponte da Lima.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta