Bronca entre ministras e concelleiros en Vigo

Persoal de confianza de Ana Pastor e Fátima Báñez apartan a Carmela Silva dun acto en Vigo, ante as protestas dos concelleiros vigueses. A presidenta da Deputación de Pontevedra cualifica de “mitin” o acto.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 14/03/2016 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

O acto de colocación da primeira pedra da nova sede da Seguridade Social en Vigo foi de todo menos un acto institucional. E é que o persoal de confianza das ministras Ana Pastor e Fátima Báñez apartaron a Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, no momento da foto oficial do acto, o que provocou aireadas protestas de concelleiros vigueses.

Momento en que Fátima Báñez e Ana Pastor colocan a primeira pedra da nova sede da Seguridade Social en Vigo
Momento en que Fátima Báñez e Ana Pastor colocan a primeira pedra da nova sede da Seguridade Social en Vigo | Fonte: vigoe.es

A tensión comezou cando o xefe de prensa da ministra de Emprego e Seguridade Social pediu que se abrise o perímetro de autoridades para que a prensa puidese captar imaxes de Báñez e Pastor colocando varios obxectos nunha urna de cristal. Foi entón cando apartou a Silva.

Outros dous concelleiros vigueses, David Regades e Ángeles Marra afeáronlle o xesto ao persoal de confianza da ministra.  Entón Pastor ofreceulle a Silva que depositara un xornal na urna. Aínda que nun primeiro momento se negou, acabou depositando o xornal con xesto enfadado  "en nome de Abel Caballero", alcalde de Vigo, ausente no acto porque presidía en Madrid outro da FEMP.

Á conclusión do evento produciuse unha charla entre o responsable de prensa de Emprego e Silva, na que, segundo o primeiro, escusouse porque descoñecía que ostentaba este cargo e aludiu á necesidade de comportarse con "educación" neste tipo de convocatorias. “Quen debía ter educación era el, que ten que estar encargado do protocolo e saber quen é quen e non apartar como unha apestada a Carmela Silva”, apuntaron a GC fontes  próximas á dirixente socialista.

Ademais, criticaron que o acto institucional acabou derivando nun mitin da ministra Báñez que aproveitou a ocasión para vender que na provincia de Pontevedra se incrementaron as pensións un 5% desde 2011 e se pagan "máis altas que nunca", concretamente un 13% para deixar a media en 915 euros.

Posteriormente, e xa en declaracións aos medios, Carmela Silva considerou "moi triste que esas cousas ocorran". “Animo á Xunta e ao Goberno a que sigan investindo en Vigo. É o noso dereito e é o seu deber", dixo ao cualificar de "acto electoral" e "mitin" a colocación da primeira pedra deste luns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lobeon

patéticas....