Por Alberto Quian | Madrid | 23/03/2016 | Actualizada ás 08:00
Os bosques e montes das provincias de Pontevedra e Ourense están entre os máis ameazados de todo o Estado. Así o reflicte un recente estudo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) no que se fai, por primeira vez, unha evaluación da sustentabilidade dos bosques en España a escala provincial.
O estudo está asinado por Javier Martínez-Vega, Samir Mili e Pilar Echavarría e vén de ser publicado na revista científica internacional Geoforum. Nel, os científicos advirten de que "a situación xeral da conservación dos bosques en España non é óptima"
A partir dos resultados obtidos no estudo 'Assessing forest sustainability: Evidence from Spanish provinces', os investigadores conclúen que os ecosistemas forestais máis sustentables están nas provincias do centro e norte de España, agás en Galicia, onde Ourense, Pontevedra e A Coruña —aínda que esta última, en menor medida— son as tres provincias co peor índice de sustentabilidade en todo o tercio norte.
De acordo co índice de sustentabilidade global calculado polos investigadores do CSIC, os bosques máis ameazados en España atópanse en parte da costa mediterránea, en áreas próximas ás grandes cidades do interior e no sur de Galicia, "como consecuencia dos procesos de artificialización do solo e dos incendios forestais", explican os cientificos.
Polo contrario, os bosques máis sustentables atópanse na cornixa cantábrica, nos Pirineos e na meseta norte, "debido ao relativo éxito no mantemento dos usos tradicionais do bosque e a contención de ameazas emerxentes", segundo os investigadores.
En concreto, e por orde, as provincias cos peores índices de sustentatibilidade, con valores negativos (por debaixo da media, situada no valor 0) son:
Lugo é o único punto verde en Galicia. O índice global de sustentabilidade na provincia lucense sitúase en valores positivos, cun 0.1008, un chisco por riba de provincias como Barcelona (0.0251) e Cádiz (0.0268), e próxima a Cantabria (0.1663), Biscaia (0.2258) e Palencia (0.2281), pero moi lonxe da provincia máis sostible de todas, Soria, cun índice do 1.5846, seguida por Huesca (0.7344), Zamora (0.7320), Guadalajara (0.6970), Burgos (0.6700), Alava (0.6517) e Girona (0.6305).
Os datos obtidos deste estudo corresponden ao período 2006-2010. Nese tempo, "os incendios forestais afectaron a un promedio anual do 0,36% da superficie forestal estatal. A peor situación obsérvase en certas provincias de Galicia", explican os autores, que destacan o dramático caso de Pontevedra, onde a media anual de superficie forestal queimada foi do 3.16%.
Pontevedra e A Coruña tamén mostran os peores valores para o índice de sustentabilidade ambiental da actividade forestal, xunto co sudeste de España —a parte máis árida do Estado— e Las Palmas de Gran Canaria.
Para calcular o índice global de sustentabilidade dos bosques os investigadores seleccionaron vinte indicadores, trece dos cales se refiren á dimensión ambiental, catro á dimensión económica e tres á dimensión social.
------------------------------------------------
Javier Martínez-Vega, Samir Mili, Pilar Echavarría (2016). 'Assessing forest sustainability: Evidence from Spanish provinces'. Geoforum, volume 70, marzo, páxinas 1–10.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.