Por Félix Soria | A Coruña | 01/04/2016
Os medios de propiedade privada son donos de supeditar os criterios informativos á liña editorial que consideren oportuna ou sexa do seu interese: acceso a axudas e/ou subvencións da Administración, campañas de publicidade institucional, favores, etcétera.
Desde un punto de vista ético e xornalístico só hai un límite de xeral consenso: non mentir, terxiversar nin manipular feitos e palabras.
«Pero a fronteira entre terxiversar e interpretar é tenue», alegan desde os medios interesados en xerar dúbidas para disimular as terxiversacións e manipulacións que están a vender. Se o lector, radioínte ou telespectador presta mínima atención, a interpretación dun feito ou dunhas palabras diferénciase perfectamente da terxiversación e da manipulación.
Xa iniciado o ano das elecións autonómicas e co Goberno central en funcións, numerosos xornais e emisoras xa teñen tomado partido ou ben multiplican as mensaxes que desde sempre lanzan a prol da súa opción preferida… ou da máis rendible.
Salvo a quen nada importa en que e como se gasta o diñeiro público, todos sabemos que hai medios de información galegos beneficiados pola Adminsitración e un escandalosamente beneficiado.
Ata o de agora, nada que obxectar legalmente, pero urxe que o poder lexislativo asuma que a Transición á democracia non pode ser eterna e convén regular certos asuntos —por exemplo, a publicidade institucional e as axudas aos medios— para que o Estado español rache definitivamente co corporativismo económico de corte fascista, co amiguismo e para que as autoridades dispoñan de instrumentos para combater a corrupción e apartar da vida pública aos quen desde o poder usa e abusa dos baleiros legais para dispoñer de medios compracentes.
Un medio privado ten dereito a promover a un partido, defender a un goberno ou criticalo mesmo con agresividade, pero desde un punto de vista xornalístico e ético é inxustificable a hipocrisía.
Hai medios galegos que romperon a baralla, o tapete, a mesa e van camiño de romper as cadeiras, xa non se contentan con defender a un goberno ou a un partido, senón que ademais negan explicitamente que o están a facer e proclámanse independentes; é dicir, amenten e cada día tentan enganar aos seus letores, radioíntes e telespectadores.
Por riba, eses medios tramposos destrúen a credibilidade dos profesionais da información, incluídos os seus xornalistas.
Aticen informativamente a quen desexen, defendan ao goberno, fagan o que lles pete que para iso son os donos ou os xestores do medio, pero sexan honestos e advirtan que son seaeiros dun partido ou que o goberno lles merca cada día tres, catro, dez páxinas ou minutos: ou calen!, pero deixen de mentir e alardear de independencia.
O xornalismo hipócrita enloda conciencias e idiotiza aos votantes, que ao cabo é o obxectivo dos propietarios e xestores dos medios hipócritas.