Por Galicia Confidencial | Vigo | 15/04/2016 | Actualizada ás 09:00
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, decidiu tomar directamente o mando do PSdeG ante a situación de deriva que vive este partido logo da dimisión de José Ramón Besteiro como secretario xeral e logo de distintos movementos de agrupacións e ex dirixentes socialistas que están tentando buscar un candidato á Presidencia da Xunta.
Caballero mantivo xa varios encontros con destacados dirixentes desta formación, entre eles, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a tenente de alcalde de Ferrol, Beatriz Sestayo. Tamén falou con dirixentes locais das distintas cidades galegas. Unha rolda de contactos que ten coma obxectivo, segundo fontes consultadas por GC, buscar puntos de acordo para tentar atopar un candidato de consenso dentro do PSdeG.
Nas últimas semanas ten soado o nome da presidenta da Deputación de Pontevedra e man dereita de Caballero, Carmela Silva, pero tanto o rexedor, como a edil xa descartaron esta posibilidade. En todo caso, Caballero apoia que o congreso do PSdeG se celebre "despois do congreso federal, como sempre foi e como vai seguir sendo”. É a mesma postura de Ferraz e unha postura da que disenten certos ex varóns socialistas, como Pachi Vázquez.
“Non se pode convocar agora porque o máis probable é que volva haber eleccións xerais. Como imos convocar un congreso e estar nun congreso no PSdeG no medio de eleccións?. Non é posible", argumentou o rexedor vigués.
As súas consultas e o seu interese por tentar chegar a un pacto interno teñen o apoio de destacados dirixentes, entre eles, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen dixo que Caballero, "ten toda a autoridade para facer eses encontros que está a facer por toda Galicia" coas agrupacións locais do PSdeG.
Ao seu xuízo, tal e como expuxo á prensa, ten "a autoridade moral que lle dá ser o alcalde de Vigo, o alcalde da cidade con máis poboación e desde a perspectiva desa maioría absoluta que ten". “Tamén é membro da executiva federal, aínda que despois sexa un militante máis, como calquera outro", lembrou.
Tamén, o deputado autonómico e exalcalde socialista de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo afirmou que ve ben que o alcalde de Vigo dea un paso á fronte para contribuír a endereitar o rumbo do partido en Galicia. "Paréceme moi ben e moi necesario", dixo Bugallo nunha conferencia de prensa este xoves.
"Hai dous anos iso víao moi difícil e agora, sen velo fácil, hai algo que recoñecemos todos os socialistas galegos, e é que Abel Caballero é a persoa que ten o maior rango institucional dentro do socialismo e que encabeza politicamente a agrupación máis numerosa e a que mellor logrou resistir o envite destas situacións. Iso dálle unha autoridade política indubidable", aseverou. Tamén a dirixente do PSdeG de Coruña, Mar Barcón, defendeu estes contactos que Caballero está mantendo coas distintas agrupacións locais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.