Por Galicia Confidencial | Michigan | 20/04/2016 | Actualizada ás 12:00
EE.UU volve ser o centro dos estudos galegos no mundo. Este mércores inaugurouse o II Simposio de Estudos Galegos , que é unha continuación do primeiro congreso, organizado polo Galician Studies Research Group da University of Wisconsin-Milwaukee en maio del 2014.
Este segundo encontro celébrase na University of Michigan-Ann Arbor e ten como obxectivo reunir os investigadores e profesores que traballan no campo dos Estudos Galegos no seu máis amplo sentido e desde calquera aproximación disciplinar ou multidisciplinar. Precisamente, neste congreso, os organizadores valoraron especialmente as achegas “desde reflexións teóricas innovadoras, desde diferentes interseccións xeográficas”, e asemade os traballos que “recuperen, revitalicen ou dean visibilidade tanto á tradición cultural galega coma á produción máis recente desde un compromiso ó achegamento político do estudo da cultura”.
Esta edición está coordinada polos profesores Cristina Moreiras-Menor, da University of Michigan-Ann Arbor e Gabriel Rei-Doval, da University of Wisconsin-Milwaukee . Tamén participa na sesión inaugural o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
O congreso está enfocado nos estudos galegos, pero tamén na cultura, escritura e poesía galega. Por iso, nesta xuntanza estarán presentes académicos que desenvolven o seu labor nas universidades de Norteamerica e doutros países anglófonos e no mundo académico galego e ibérico, ademais de algúns dos artistas e intelectuais galegos que, en xeral, desenvolven o seu labor artístico en Galicia.
Así, directores de cine, escritores e profesionais da comunicación estarán presentes para falar tanto da súa propia produción e do estado do mercado artístico galego, como para debater cos investigadores comprometidos con, ou interesados en, Estudos Galegos. “A Universidade de Michigan da espazo, polo tanto, a todos aqueles investigadores e homes e mulleres da cultura interesados en reflexionar colectivamente sobre o estado dos Estudos Galegos na súa relación con (entre outros) a teoría cultural, o pensamento político, a antropoloxía, o materialismo cultural e as políticas lingüísticas no contexto da realidade global actual”, apuntan.
Nesta edición falarase de Literatura, Ecoloxia e Xurisprudencia galegas, lingüística, identidade galega e cultura, poesía e poética ou música e arte galega, entre outros temas. Participarán, entre outros, Miguel Anxo Murado, Xosé Manuel Pereiro, Felipe Lage, Manuel Sendón ouBieito Romero. Tamén a escritora María Raimóndez ou os investigadores Diego Espiña, Obdulia Castro, Gabriela DeRobles, Xulio Sousa, Soraya Suárez, Mar Freire-Hermida, Aintzane Cabañez, Maria Elena Soliño, Arturo Meijide ou Maribel Rams
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.