Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 21/04/2016 | Actualizada ás 08:00
O primeiro, cal é a situación da administración do Sovaldi agora en Galicia?
A dispensa dos tratamentos cos novos fármacos, -en realidade 5 cos que se foron engadindo despois do sofosbuvir (Sovaldi)- vai a un ritmo aceptable desde a posta en marcha do Plan Estratéxico o 1 de Abril de 2015 e a desaparición do requisito da aprobación previa a través da famosa subcomisión de Tratamento Hepático.
Cumpriu a Xunta as súas promesas? Hai algunha eiva na súa administración?
Hai moitos aspectos centrais do Plan que non están a ser cumpridos nin desenvolvidos como, de especial gravidade, un plan de detección mediante cribados dese 70% de infectados non diagnosticados. E logo temos a gravísima situación nos cárceres, con un 20% da poboación reclusa infectada e onde non chegan os tratamentos. Neste último terreo vimos actuando diante da Fiscalía, o Sergas e a Valedora do Pobo desde o mes de agosto pasado, urxindo unha solución que non acaba de chegar. Agora, finalmente, déusenos traslado do convenio que xa está redactado entre a Consellería e o Ministerio do Interior que resolve a cuestión (sempre a mesma) do financiamento, pero falta que o asinen. Isto é moi urxente porque hai reclusos en situacións realmente graves.
Como valora a Plataforma Galega a noticia de que hai varios cargos imputados por homicidio imprudente por non administrar presuntamente o Sovaldi por razóns orzamentarias?
Esta nova é o resultado dun proceso que iniciamos en marzo do ano pasado, nun traballo en colaboración, coa denuncia formulada por Batas Blancas ante a Fiscalía Superior de Galicia. Esa colaboración é o resultado lóxico da frustración que sentíamos por unha parte uns doentes que víamos como se nos impedía o acceso a uns fármacos que eran a alternativa que nos podía curar e duns médicos que se vían impedidos para curarnos con eles. Desde os dous lados estábamos vendo morrer xente ao noso lado e por iso decidimos traballar xuntos na formulación desa denuncia. a partir de aí a Fiscalía abriu unha investigación profunda e minuciosa na que se revelaron máis do dobre de casos de mortes que as que nós directamente coñecíamos. Ese traballo da Fiscalía, que incorpora numerosas probas testificais e máis de un cento de documentos se traduce nunha denuncia por 8 homicidios por imprudencia profesional grave e máis delitos de prevaricación administrativa contra o daquela Director Xeral de Asistencia Sanitaria e a que sigue sendo Subdirectora Xeral de Farmacia. Ademais, a Fiscalía na súa denuncia establece que eses delitos se cometeron con un puro afán de controlar o gasto. Ou sexa, que a Fiscalía a través da súa investigación chega a mesma conclusión que nós xa manifestáramos unha e mil veces: que os recortes matan. Nós xa tiñamos denunciado publicamente en máis dunha ocasión que esa non era unha simple consigna, que se estaban producindo mortes evitables por culpa de decisións políticas, por actuar con criterios de restrición de gasto. Agora o xuíz decidiu abrir dilixencias penais contra estas dúas persoas, inicialmente polo delito de prevaricación, e será o transcurso do procedemento o que nos irá levando a conclusións sobre que delitos se cometeron (pode haber algúns máis que aparezan no transcurso da instrución) e que persoas son as que os cometeron (tamén pode haber máis persoas que delinquiron nesta catastrófica xestión que se fixo). Nós, como parte acusadora que somos nas dilixencias (de novo en colaboración con Batas Blancas, aínda que agora invertemos os roles), faremos o posible porque se coñeza toda a verdade destas actuacións que, ao igual que a Fiscalía, consideramos criminais e para que se depuren as responsabilidades penais de acordo co establecido polas leis.
Debería dimitir alguén na Xunta? Só os dous investigados ou piden algunha responsabilidade política a maiores?
Nós, polo de agora, non estamos a pedir ningunha dimisión concreta. O que si afirmamos é que hai evidentes responsabilidade políticas. Non podemos esquecer que tanto a cesada conselleira Rocío Mosquera como o Presidente da Xunta, Núñez Feijoo, fixeron acendidas defensas tanto no Parlamento como en comparecencias públicas da xestión que deste asunto estaba a facer o SERGAS. O Presidente da Xunta mesmo chegou a utilizar a súa privilexiada tribuna do atril en dúas comparecencias posteriores aos Consellos da Xunta para atacar de xeito ruín e falaz á nosa plataforma, acusándonos de ser instrumentos políticos. Cremos que agora tócalle a el escusarse e dar explicacións. Por outra parte neste momento hai dúas persoas que ocupan cargos de designación directa no organigrama do SERGAS que teñen a condición de investigadas (o que antes se chamaba imputadas) por resolución xudicial por comisión de graves delito no desempeño da función pública. Se esas persoas son mantidas nos seus cargos significa que a Xunta, é dicir Núñez Feijoo, avala todo o que fixeron, incluído aquelo polo que neste momento enfrontan un proceso penal. En boa lóxica Núñez Feijoo debera vincular o seu futuro político ao desenvolvemento desta causa. Outra cousa é o que faga, pero para nós a súa vinculación é clara e inevitable.
Cando saltou a noticia, Feijóo alegou que no 99% dos casos se concedera a Administración do Sovaldi e que tampouco había que facer tanto escándalo por uns poucos casos nos que non se dese. Como valoran estas declaracións?
Feijoo, como leva facendo no último ano e medio en todo o relacionado con este tema, manifestou unha vez máis a súa absoluta falta de empatía coas persoas que sofren. Parece mentira que eles, que tanto se preocupan por perseguir a quen menospreza ás vítimas de certos delitos logo poidan despacharse con tamaña falta de respecto polas vítimas das súas políticas e polo sufrimento das familias e persoas que perderon a un achegado. Esa manifestación parécenos unha vileza, e son plenamente consciente do alcance da palabra que estou a utilizar. A nós tanto nos ten se aprobaron un 99% ou 99,99% das solicitudes.
E logo?
Por dúas razóns. A primeira porque ese 99% significa unha parte ínfima dos enfermos de Hepatite C. El o di para que pareza que se estaba a tratar a todo o mundo cando a realidade é que só pacientes en F4 (última fasel da enfermidade) nos que concorrían ademais certas manifestacións patolóxicas extrahepáticas (é dicir que estaban nunha fase case final) e máis os transplantados que xa chegaran a unha situación F3 no seu novo fígado podían ser candidatos. Dito doutro xeito: Ningún enfermo en F2, F3 e a maioría dos F4, nin os que estaban en lista de transplante, nin os transplantados (mesmo os reinfectados), é dicir dos que agora somos tratados en virtude do Plan Estratéxico, podiamos ser sequera candidatos para ser avaliados por esa comisión. O que di Feijóo, en realidade significa que pacientes coa enfermidade moi avanzada foron rexeitados por esa comisión por "non estaren suficientemente graves". Por outra parte, se unha soa persoa tivese morto como consecuencia dunha decisión política que anulou unha anterior prescrición por parte dos facultativos, iso sería un crime perseguible e denunciable xudicial e publicamente. Que pretende que o saquemos a ombros porque a súa política de restrición dos fármacos para a Hepatite C "só" mataron (que saibamos) a oito persoas? Un ás veces pregúntase se a falta de empatía é requisito para chegar ao cumio político en certos partidos ou, se pola contra, é o exercicio do poder o que anula esa característica que nos fai humanos. Prefiro pensar que é o primeiro, porque o segundo nos levaría a desesperanza.
Un dos investigados, que actualmente é alto cargo na Área Sanitaria de Vigo, declarou nos medios que os medicamentos repartíronse exclusivamente seguindo criterios médicos e garantindo a igualdade de acceso. Así e todo, no preito figura polo menos un caso dunha paciente de Lugo que logrou antes o medicamento porque a súa doutora atreveuse a escribir directamente a daquela conselleira de Sanidade. Houbo igualdade de acceso ao Sovaldi?
Félix Ruibal terá que mostrar algún tratado médico ou algunha guía especializada en hepatoloxía que recomende como mellor opción terapéutica a de non tratar aos pacientes ata que estean nunha situación moi grave. Se esa é a súa liña de defensa mesmo ten o dereito de pedir que se incorporen eses documentos ao sumario. Nós os contrastaremos cos documentos de consenso e guías para o tratamento da Hepatite C cos novos antivirais de acción directa publicados pola Asociación Inernacional de Hepatoloxía e pola Sociedad Española para el Estudio del Hígado, vixentes mentres el aplicaba esas restricións ás que antes explique. Pero non están sendo acusados de seren restritivos, están sendo acusado de nin sequera cumprir coas normas hipercicateras que eles mesmo estableceron, fora do consenso científico e fronte ao clamor de pacientes e especialistas. Do que se trata aquí é de que houbo casos, moitos máis que os das persoas que tristemente faleceron, nos que a espera por unha decisión que autorizase o uso dos fármacos se demorou durante catro, cinco, oito ou ata dez meses desde qu foi solicitado polo médico especialista. E está acreditado que, en algún caso, no de algún dos falecidos, esa demora estivo vinculada a negociacións co laboratorio para poder incluír ao doente nun convenio que permitise que otratamento non tivese custe para o sistema.
El di que se garantiu a igualdade ao acceso ...
El pode chamarlle como queira, pero isto, que insisto está acreditado, non pode disfrazarse de "criterio médico". E si que houbo casos, aparte do que relata a Fiscal na súa denuncia, no que unha situación moi grave de espera prolongada se resolveu en horas previa pública denuncia. Nós podemos acreditar, como mínimo tres casos, que se resolveron despois de que mediásemos persoalmente co daquela Director Xeral e/ou fixésemos denuncia pública da súa situación. Están nas hemerotecas. Claro que eles dirán que foi pura coincidencia, pero os feitos son os que son.
A Consellería de Sanidade respondeu botando as culpas ao Estado, argumentando que a decisión sobre o Sovaldi dependía do Ministerio, e presumindo de ter gastado 70 millóns no tratamento. Teñen base estas liñas de defensa?
Cando din que gastaron 70 millóns teñen que aclararnos que computan nesa cifra. Se o que están a dicir é o que queren que todas e todos entendamos, ou sexa que os gastaron nos novos fármacos que se dispensaron nese período, mesmo nos que se dispensaron incluso despois coa entrada en vigor do Plan Estratéxico, imos dicir con toda rotundidade que menten. Menten escudándose en que os seus datos non contrastables, ou iso pensan, xa que o Goberno declarou no seu día secretas as actas da Comisión Interministerial para el Precio de los Medicamentos nas que se fixan os prezos pactados para o Sistema Nacional de Salud para cada un destes fármacos. A cifra é un despropósito. Nós temos constancia de que a día de hoxe o prezo medio que se está apagar por tratamento non chega aos 13.000 euros, o que significa que terían que ter dado eses produtos farmacéuticos a máis de 5.000 doentes, a tripla dos realmente dispensados. Pero é a súa estratexia de sempre: facilitar un dato que sen ser falso está dirixido a ser entendido no seu contexto de xeito que altera a realidade (como o do 99%). Se algo nos levan demostrado neste ano e medio de loita é a súa mestría en utlilizar a mellor das falsedades: as medias verdades.
Coa admisión desta denuncia, pódese dicir abertamente que teñen razón os políticos que denuncian que os recortes matan?
Como xa che explicaba, polo de agra a Fiscalía e confiamos en que pronto o xulgado, nos ven dar a razón en todo aquilo que nós publicamente manifestamos, en todo o que lles dixemos moitas veces cara a cara aos xestores do Sistema Galego de Saúde e ás autoridades políticas e ao que sempre prestaron ouvidos xordos, cando non nos responderon con desdén ou mesmo agredíndonos. Agora só queremos que se coñeza a verdade e se faga xustiza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.