A Xunta insiste en que foron médicos os que decidiron o tratamento dos enfermos de hepatite C

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, evita pedir desculpas aos familiares dos falecidos tal e como lle reclama a plataforma de afectados por esta enfermidade. Insiste en que o presidente e conselleiro de Sanidade comparecerán na Cámara e que o presidente “acreditará que a súa actuación era polo interese supremo da saúde pública”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 21/04/2016 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

A Xunta insiste en manter que son os médicos os que decidiron o tratamento que Sanidade dispensou aos enfermos de hepatite C antes de xeneralizarse o uso do Sovaldi, o medicamento para paliar esta doenza. E, iso a pesar de que os propios profesionais, tal e como xa informou GC onte en exclusiva negan que teñan nada que ver coa política que adoptou o Goberno galego para aforrar no tratamento.

Alfonso Rueda nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta | Fonte: xunta.es

“Quen o deciden son os médicos e son eles os que decidiron os tratamentos dos pacientes. A fiscalía está no seu pleno dereito de presentar unha denuncia e nós de darlle conta das actuacións que imos seguir adoptando en relación coa hepatite. No 99% dos enfermos que chegaron á comisión [técnica da Xunta que analiza as peticións de tratamentos], os médicos dixeron si a ese tratamento", apuntaba Feijóo nun acto en Madrid o martes.

Este xoves foi o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante a ausencia de Feijóo (que decidiu marchar a Arxentina para asistir á Feira do Libro), quen tivo que dar explicacións. E, ante a pregunta deste medio, sobre se os médicos foron os encargados de autorizar unha política que rematou con oito mortos, segundo a Fiscalía, o conselleiro da Presidencia, volveu insistir en que si.

“E que médicos?”... “Pois os que formaron parte da subcomisión de Tratamento Hepático, que é persoal clínico”, limitouse a respostar.  Galicia Confidencial preguntou á Consellería de Sanidade polos nomes deses “profesionais da sanidade” (que aínda non respostou) e, entre os que estarían segundo as fontes consultadas, os dous investigados (imputados) pola xustiza, Félix Ruibal, naquel momento director de Asistencia Sanitaria -e actual xerente da área sanitaria viguesa- e Carolina González-Criado, subdirectora de Farmacia.

Curiosamente, e tal e como xa publicou GC, Félix Rubial Bernárdez estaba ao tanto das dificultades que a Xunta estaba poñendo aos enfermos de hepatite C para acceder aos medicamentos. El foi o receptor, en febreiro de 2015 dunha misiva do secretario xeral do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, Pedro Silva Arochena, na que denunciaba que as “limitacións orzamentarias” da Xunta poderían poñer en perigo a vida de pacientes de hepatite C.

E, a pesar diso, tanto Feijóo como Rueda insisten en apoiar aos dous investigados. “Mantemos o apoio total aos membros desa comisión que foron os que tomaron a decisión”, suliñou o vicepresidente na rolda de prensa posterior ao Consello da xunta ao suliñar que a política de Sanidade neste caso se fixo seguindo “criterios obxectivos dentro da máxima concreción”. Nesa rolda de prensa tamén insistiu en que, tanto o presidente galego, como o conselleiro de Sanidade, comparecerán na Cámara para dar explicacións.

Desculpas

Tampouco pediu desculpas a Xunta aos familiares dos mortos e os enfermos de hepatite C, tal e como reclamaba o voceiro da Plataforma de afectados por esta enfermidade, Quique Costa, nunha entrevista no GC. “Non estou dacordo con certas manifestacións e cualificativos... tampouco quere dicir que sexa verdade ou certo o que din”, indicou Rueda que suliñou que “Feijóo acreditará que a súa actuación era polo interese supremo da saúde pública”, manifestou.

En todo caso, dixo entender as manifestación dos familiares das persoas mortas, sobre todo, “se están ben dirixidas” e criticou duramente aos partidos da oposición por “aproveitar isto para crear liortas políticas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Hipocrates

Hepatite C por contaxio?

3 Dr Bacterio

Xa o dirá a Xustiza. Polo momento estades cagados de medo

2 Killer capitalismo

Uns burócratas a xogar a ser deuses e decidir quén vai vivir ou morrer. Nada mais semellante a un campo de exterminio nazi. Esto é o futuro que preparan para nós estas mafias financieiras capitalistas, senon espabilamos. Billóns de euros soterrados en ladrillo, pistas e millerios de chilindronadas mais que fixeron amasar fortunas en banqueiros, explotadores e políticos corruptos, que houberan salvado estas vidas. Outras vidas perdidas a conta do sistema insolidario, egoista e individualista no que vivimos. Coma a prensa do sistema denominaba na Arxentina, as mortes nos enfrentamentos nas protestas perante o corralito...onte o capitalismo levou por diante tres

1 Hipócrates

Se fora todo culpa da Xunta tamén o será dos milleiros de enfermos que curaron grazas ós millóns de euros que se empregaron nun tratamento carísimo. Hai que facer políticas preventivas. A maioría dos afectados pillaron a enfermidade por contaxio. Evitando determinadas prácticas de risco nin morrería xente nin encheriamos o peto das empresas farmacéuticas. Os demáis enfermos tamén teñen dereitos. A Xunta ten que priorizar.