Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/05/2016 | Actualizada ás 18:38
Case todos os dias do ano morre por suicidio unha persoa en Galicia. O número exacto de mortes non se publica oficialmente, seguindo as recomendacións dos expertos para deter o “efecto chamada”. Nin se quera se pode consultar no Instituto Nacional de Estadística, que deixou de publicar as cifras en 2007.
Con todo, é un segredo a voces que a cantidade de persoas falecidas por esta causa aumentou dende o comezo da crise, tanto en España como en Galicia, chegando a ser a principal causa de morte “externa” no noso país, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Lugo é o lugar do Estado onde máis suicidos se producen. O ano pasado foron máis de 340 persoas, case tantas como días ten o ano. A provincia de Lugo, con 17 suicidios por cada 100.000 persoas é líder na luctuosa clasificación.
O Movemento Galego pola Saúde Mental explicou hoxe en rolda de prensa que a maioría das veces a morte por suicidio é resultado da combinación de razóns nada misteriosas: sufrimento psíquico intenso que con frecuencia afecta á saúde mental da persoa, carencias (afectivas, económicas, de expectativa de algo mellor por diante, soedade, dor, enfermidade grave, incapacidade para manexar dificultades relacionais e emocionais,…), empobrecemento, paro, débedas, perda da vivenda,…
Así as cousas, o MGSM explica que “a morte por suicidio é un dos mais graves problemas de saúde pública”. Está facendo dabondo a Administración para atallalo? Para cumprir coas directivas da Organización Mundial da Saúde “hai tres anos que tiñamos que ter en marcha o Plan de Prevención do Suicidio pero o goberno da Xunta de Galicia non fixo nada ó respecto”.
Este colectivo, que agrupa a ducias de organizacións sanitaria, lembra que “urxe o Plan Galego de Prevención do Suicidio” dado que a prevención é fundametal.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en 2011 ós gobernos dos países europeos que a crise conlevaba un aumento do risco de suicidios se non se adoptaban políticas activas de emprego para reducir o paro, de reforzamento da protección social e sanitaria, de alivio da carga da débeda sobre as persoas que a sufren, e de apoio ás familias.
Ademais, en 2013 a OMS fixo un chamamento mundial a todos os gobernos para que desenvolveran estratexias de prevención de tal xeito que en cada país se reducira a cantidade de mortes por suicidio nun 10% para o ano 2020, e urxiu a actuar xa. En opinión do MGSM “no noso país fíxose a política oposta e, desgraciadamente, esa predición cumpriuse: os suicidios aumentaron relacionados coa crise e coas políticas desenvolvidas ante a mesma”.
O MGSM é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo,
Albores), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.