Por GC Tendencias | Quiroga | 04/05/2016 | Actualizada ás 14:00
O microclima do val de Quiroga fixo posible que dende hai moitos anos se dese o cultivo de oliveiras, cultivo que nos achega ao paso dos romanos por estas terras, e que en tempos máis recentes fose unha das zonas de Galicia onde máis se elaborou este “ouro líquido”. A produción era artesanal e case limitada ao consumo local, pero hai evidencias dun certo potencial pola numerosa existencia de muíños na contorna. Muíños dos que sabemos nalgún caso polos restos atopados, noutros pola tradición oral, e nos menos por estar abandonados pola falta de actividade pero aínda en pé. No Museo Etnográfico de Quiroga pódese ver un que foi cedido polos seus propietarios de Montefurado e que grazas á súa reconstrución serve hoxe para divulgar a tradición da elaboración do aceite ao xeito artesanal.
A mostra vense facendo dende o ano 2.000 moi preto de Quiroga, no muíño de Bendilló no lugar coñecido como “As Farrapas”, e dende hai anos goza da etiqueta de Festa de Interese Turístico. Na edición deste ano terá lugar unha homenaxe sobre as 13.00 h. ao recentemente falecido D. Guillermo Nogueira Veloso, propietario do muíño e promotor desta festa dedicada ao aceite.
A colleita deste 2016 foi boa en calidade e en cantidade estimándose que a produción da comarca puidera chegar aos 35.000 litros. Na mostra do día 8 de maio pódese adquirir este exquisito aceite a calquera dos 6 colleiteiros presentes: Guillermo Nogueira Veloso, Pedro Soto Losada, José Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez e Manuel Mondelo Rodríguez.
Ás 11.30 horas da mañá ponse en funcionamento o muíño para comezar unha demostración da elaboración tradicional do aceite e que os visitantes poidan comprobar todo o proceso e ás 12.00 horas será a cata dos aceites participantes na mostra no interior da Capela de San Xoán das Farrapas, a poucos metros do muíño.
Ao longo de toda a xornada non faltará a música e a danza tradicional a cargo das seguintes agrupacións locais: “Os Palletas”, Grupo de Danzas ”Arume de Queiruga”, Grupo de Gaitas “O Recanto” e Banda de Gaitas “San Martiño”. No recinto festivo haberá tamén exposición e venda de produtos típicos da zona, postos de polbo e churrasco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.