Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 09/05/2016 | Actualizada ás 11:20
A Deputación de Pontevedra vén de conceder os Premios Provinciais á Investigación 2015, despois de que o xurado cualificador seleccionase os 10 traballos gañadores dun total de 34 presentados, dos cales, tres foron desenvolvidos na Universidade de Vigo: o desenvolvemento dunha metodoloxía estatística que axude a determinar a talla óptima para a captura do percebe, o estudo dunha substancia endóxena como posible axente antiparkinsoniano e a análise das bases xenéticas que determinan o potencial antioxidante de verduras como o grelo ou o repolo.
Na categoría Humanidades e Ciencias Sociais resultou gañador o traballo titulado "Estado da conservación dos castros da comarca do Deza", que unha vez aberta a plica resultou ser autoría de Antonio Presas García (Lalín). E na categoría Provincia de Pontevedra premiouse o traballo titulado "Cabaqueiros nos reais arsenais. Ferrol como principal destino dos 'maestros texeros' do Baixo Miño (1750-1850)", de María de los Ángeles Verea Castelo (A Coruña). Por último, na categoría Ciencias e Tecnoloxía gañou o traballo titulado "Novas achegas á xestión dos recursos mariños mediante o uso de modelos de regresión non paramétricos", da autora Marta Sestelo Pérez (Vigo). Neste traballo tamén figuran como coautores Javier Roca Pardiñas e Nora Martínez Villanueva. Estes tres premios están dotados con 3.000 euros cada un.
No apartado de Novos Investigadores gañou na categoría de Humanidades e Ciencias Sociais o traballo titulado "Arquitectura comunitaria como transformadora de procesos soscias. O caso de 'A Fraga'", de Jorge Enríquez Méndez (Tui). No mesmo apartado, categoría Novas Tecnoloxías, resultou premiado o traballo "Paralelización e modificación do algoritmo de lusterign k-means en GPUs para o conteo eficiente de células somáticas en lácteos" de Adrián Pérez Diéguez (Pontevedra).
No apartado de Teses de Doutoramento, categoría Humanidades e Ciencias Sociais foron premiados tres traballos: "Plateiros portugueses en Galicia. O obradoiro dos Cedeira (1542-1667)" de Diana Dúo Rámila (Pontevedra); "A vida musical na provincia de Pontevedra (1878-1003)" de Nuria Barros Presas (Campo Lameiro); e "Canitrot e os sistema literario galego no tránsito de século. Un proxecto didáctico entre o humanismo e a estética galega" de Carlos Gegúndez López (Lugo). No mesmo apartado, categoría Ciencias e Tecnoloxía, resultaron gañadores dous traballos: "Brassica oleracea como fonte de compostos biosaudables: aproximación xenética" de Tamara Sotelo Pérez (Bueu); e "Efectos da isatina sobre a neurotransmisión dopaminérginca no núcleo estriado. Un estudo in vivo mediante microdiálise cerebral", de Lorenzo Antonio Justo Cousiño (A Lama).
Tanto os premios do apartado Novos Investigadores como do apartado Teses de Doutoramento están dotados con 2.000 euros cada un.
O xurado acordou declarar deserto o Premio Carmela Arias Días de Rábago
Nesta edición, o xurado acordou declarar deserto o Premio Carmela Arias Días de Rábago. Este premio establécese para recoñecer traballos referidos a persoeiros da provincia de Pontevedra no ámbito local, provincial, galego ou internacional, que se caractericen pola súa contribución á mellora e ao desenvolvemento de Galicia.
Os premios Traballos de Investigación como Novos Investigadores recoñecen traballos inéditos e redactados especificamente para esta convocatoria. Para garantir o anonimato dos traballos, en ambos os douspremios se esixe que sexan presentados baixo lema sen que conste a identificación do autor ou autora. No caso de Teses de Doutoramento, teñen que estar defendidas no período comprendido entre os anos 2014 e o 2015 en calquera das universidades galegas. Tamén se admiten teses defendidas noutras universidades, sempre que versasen sobre temática galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.