Por Manuel Vilas | Santiago | 18/05/2016 | Actualizada ás 08:00
A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo acaba de adxudicar boa parte dos seus servizos ao grupo OHL. Esta empresa pública dependente da Xunta escolleu ao grupo para os “Servizos de Atención ao Peregrino, Limpeza e Cobro nos albergues do Camiño de Santiago de acordo ao establecido no artigo 170 e)”. A cambio a filial OHL SERVICIOS-INGESAN, S.A.recibirá 1,33 millóns de euros.
O Xacobeo utilizou para esta adxudicación o procedemento negociado sen publicidade. Trátase dunha vía legal, pero que, en principio, non se podería ter empregado par esta adxudicación. O artigo 174 do “Real Decreto Legislativo 3/2011, de 14 de noviembre, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley de Contratos del Sector Público” establece que ningún contrato de servizos se pode adxudicar mediante ese procedemento de superar, como neste caso, os 100.000 euros.
Para esquivar esta salvidade, o Xacobeo esgrime o artigo 170 e) da citada Lei, que permite o procedemento sen publicidade “cuando una imperiosa urgencia, resultante de acontecimientos imprevisibles para el órgano de contratación y no imputables al mismo, demande una pronta ejecución del contrato que no pueda lograrse mediante la aplicación de la tramitación de urgencia”. Nos pregos de contratación publicados pola Xunta, non se explica que motivos de urxencia xustifican a vía sen publicidade. Cómpre ter en conta que a xestión e mantemento dos albergues é unha labor normal e doadamente previsíbel para unha empresa pública creada, precisamente, para xestionar todo o relacionado co Camiño de Santiago.
Ao empregar o procedemento negociado sen publicidade, a Xunta non tivo porque publicar as bases do concurso no DOG nin en ningún outra publicación. Abondoulle pedir prezo a varias empresas, tres como mínimo segundo a Lei. Con todo, na documentación publicada na Plataforma de Contratación non consta que a Xunta invitase a pedir prezo a ningunha outra compañía.
OHL SERVICIOS-INGESAN, S.A. é filial do grupo OHL. O seu presidente é Juan-Miguel Villar Mir, ministro de Facenda e vicepresidente do Gobierno para Asuntos Económicos no último Executivo do franquismo, presidido Carlos Arias Navarro.
Villar Mir é un dos industriais máis poderosos de Galicia. Ferroatlántica de Cee, a mina de Serrabal e a explotación hidroléctrica do Xallas son algúns dos seus negocios no país.
Josep Piqué Camps é o vicepresidente do grupo. O conselleiro delegado Piqué ocupou varias carteiras ministerial durante os Executivos de José María Aznar e foi presidente durante varios anos do Partido Popular en Cataluña.
Tamén forma parte do Consello de Administración de OHL Javier López Madrid. O nome deste xenro de Villar Mir figura no sumario da Operación Púnica. A Policía sospeita que o principal presunto corrompido, Francisco Granados, tiña unha axenda manuscrita na que supostamente se reflicten unha serie de pagamentos por parte de López Madrid. A Guardia Civil rexistrou o seu despacho, o que forzou a OHL a emitir un comunicado no que “desmente ter realizado ningún suposto pago ao Partido Popular”.
A Púnica non é a única gran operación contra a corrupción no PP con vencellos con OHL. Segundo os ‘papeles de Bárcenas’ e a versión do ex-tesoreiro do PP no sumario do caso Gürtell, Villar Mir tería donado irregularmente aos conservadores 530.000 euros entre 2004 e 2008.
Estas investigacións e o volume de adxudicacións por parte de administracións gobernadas polo PP a OHL levou a algúns medios a bautizar ao grupo como “la construtora de cabecera del PP”.
Neste caso, OHL gaña o concurso cunha oferta de 1.100.228,37 euros, só 43.428,53 euros inferior do orzamento inicial licitado polo Xacobeo. É dicir, cunha rebaixa de unicamente o 3,9%.
OHL deberá facerse cargo da xestión de máis de 40 albergues e numerosos puntos de atención, o que inclúe a subrogación de ducias de traballadores destes establecementos durante, polo menos, 6 meses, duración da adxudicación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.