Por Galicia Confidencial | Xermade | 19/05/2016 | Actualizada ás 10:25
A iniciativa do párroco de Momán (Xermade), Luís Ángel Rodríguez Patiño, pode pasar a historia. Tan histórico é o seu xesto que, quizais, haxa quen o imite. E é que o cura decidiu dar a misa do vindeiro domingo no medio dunha estrada para denunciar o seu mal estado e criticar así a falta de mantemento por parte da Xunta e das deputacións de Coruña e Lugo.
O párroco recorreu a esta iniciativa “ante as grandes fochancas que ten e que provocan accidentes" coma o que sufriu el mesmo fai máis de catro anos e sobre o que foi admitida a trámite a súa demanda contra a Deputación de Lugo. Nesa denuncia xa advertiran da perigosidade para a circulación que supón o mal estado do firme de diferentes viais de titularidade autonómica e provincial que atravesan o municipio.
Por iso, o crego demanda solucións ao Concello de Xermade e á Deputación Provincial de Lugo ante "o gravísimo problema de comunicación que sofre a veciñanza de Momán e explica que "dende fai aproximadamente dous meses a única estrada pola que poden comunicarse de xeito decente é a LU-170 dirección Parga".
Ademais, suliña que unhas boas comunicacións por estrada permitirían o pulo dos pequenos negocios da parroquia e o asentamento doutros. “Pola contra, a día de hoxen a realidade é ben diferente; xa que a LU-P-2204 que une Momán coas Pontes atópase intransitable, cun pequeno tramo de 2 quilómetros en obras que nunca dan rematado e todo o seu percorrido cheo de fochancas, no quilómetros 14 da LU-P-6513 que comunica Momán con Vilalba, o asfalto case desapareceu resultando totalmente intransitable a calzada e supoñendo un gravísimo perigo para os usuarios”, denuncia.
Unha situación, lembra, na que tamén se atopa a LU-170 que une Momán con Cabreiros, e que é unha “eterna promesa electoral de PP e PSOE e continúa como fai 20 anos: estreita e cun firme moi deficiente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.