Por Manuel Vilas | Vigo | 20/05/2016 | Actualizada ás 08:00
O de Manuel Jove -segundo adiantou GC o día 10 de maio- non é o único nome dun gran empresario galego que aparece nos ‘papeis de Panamá’. Un dos maiores armadores do país, Eduardo Vieira, alma do grupo pesqueiro Vieirasa, tamén figura na base de datos de persoas con intereses en paraísos fiscais.
En concreto, Eduardo Vieira figura como único accionista de dúas sociedades, unha nas Illas Virxes Británicas e outra en Las Vegas, Nevada, Estados Unidos. As dúas compañías comparten data de creación (6 de abril de 2011) e nome (Aver Seafood Limited). As dúas foron constituídas a través da filial peruana de Mossack Fonseca, o polémico despacho de avogados de Panamá.
GC conversou con Eduardo Vieira para darlle a oportunidade que explicase estes datos. Vieira limitouse a sinalar que é un tema que lle toca “moi de perfil” .
Fontes oficias do grupo consultadas por GC, das dúas empresas chamadas Aver Seafood Limited, só admitiron relación coa de Estados Unidos. "No seu día contactouse, dende a nosa filial peruana, cun despacho de Lima [Perú], que resultou ser Mossak Fonseca, a efectos de constituír unha sociedade para comercializar peixe procedente da filial peruana nos Estados Unidos", aseguraron. Os voceiros do Grupo Vieira enganden que "esa sociedade, finalmente, non chegou a operar nin ostentou patrimonio algún".
No rexistro das sociedades en Las Vegas e nas Illas Virxes, Mossack Fonseca rexistrou como enderezo do empresario vigués o inmóbel de “Orillamar 23; 36202 Vigo”. Neste enderezo da Avenida de Beiramar está a sede social de numerosas empresas de Vieirasa, incluída a matriz do grupo. Segundo comprobou GC e figura nas fotografías de Miguel Núñez, o edificio de oficinas ao carón do Porto de Vigo enarbora o coñecido logotipo da armadora.
As dúas empresas estiveron activas pouco máis de dous anos, segundo a documentación publicada polo Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ, nas súas siglas en inglés). A baseada nas Illas Vírxenes, dende 2011 até outubro de 2013. A de Nevada (Estados Unidos), dende 2011 até maio de 2013.
Esta última tivo en Las Vegas o enderezo. Como director figuraba outra compañía, Krendell Limited, que comparte dirección nas Illas Virxes con B Capital Management Limited. Trátase dunha filial no arquipélago caribeño do grupo suízo B Capital SA . O grupo preséntase como “firma de investimento independente con oficinas en Xenebra e Londres que proporciona servizos a individuos con capitais importantes e as súas familias”.
Durante o tempo que estiveron activas as empresas nos paraísos fiscais, Vieirasa presentou concurso de acredores. En concreto, en 2012, deixando atrapados -segundo informara María Fernández en El País- máis de 10 millóns de axudas da Xunta de Galicia.
O grupo está a lograr manterse a flote e, de feito, segundo informa Lara Graña en Faro de Vigo, acaba de salvar o concurso no que caera a súa filial en Arxentina. Vierasa é un dos maiores armadores pesqueiros de Europa, con intereses nos principais caladoiros do planeta. Malia este alcance global, a empresa asegura a GC que "nin Eduardo Vieira nin o Grupo Vieira constituíron sociedade algunha en Panamá nin traballaron con despacho panameño algún".
Cómpre deixar claro que a presencia de calquera nome nos Papeis de Panamá non constitúe por si mesma ningunha proba de fraude fiscal ou de calquera outra irregularidade. Posuír empresas no estranxeiro -mesmo en paraísos fiscais- non é delito nin falta administrativa, no caso de ter declarado a Facenda estes intereses e os eventuais beneficios.
O Grupo S.A Eduardo Vieira naceu en Vigo no ano 1.880. Segundo datos da Universidade de Vigo, Actualmente está composto por máis de quince empresas, conta cunha flota de máis de vinte buques, varias factorías e co tempo conseguiu situarse nos caladoiros máis importantes, desde os que abastece a máis de corenta países. Nalgunha ocasión no pasado, ten sufrido acusacións de pesca ilegal.
As Illas Virxes Británicas son un dos paraísos fiscais clásicos en América do Norte. Con todo, os cambios das normativas a favor do segredo bancario están a converter a varios Estados dos EE.UU. (como Nevada, Wyoming ou Dakota do Sur) en refuxios do diñeiro opaco, até o punto de recibir o nome de "a nova Suíza".
Segundo informou o día 11 Irene Bascoy en Faro, nos papeis de Panamá aparece coa mesma dirección en Vigo Wang Xing Ye accionista de Beida Jade Bird International Education Global Inversion Limited.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.