A Universidade de Santiago coordina a rede de grupos de investigación sobre fármacos en España

A Rede Temática Española de Descubrimento de Fármacos (REDEFAR) inicia a súa andaina na capital de Galicia coordinada polo grupo BioFarma.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/05/2016 | Actualizada ás 15:50

Comparte esta noticia

A Rede Temática Española de Descubrimento de Fármacos (REDEFAR) comezou a súa actividade cunha xuntanza en Santiago baixo a coordinación da USC a través do grupo BioFarma que dirixe Mabel Loza. REDEFAR conta co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade e constitúena dez equipos de investigación de excelencia internacional en I+D aplicado ao descubrimento temperá de fármacos. 

Reunión en Santiago de Compostela da Rede Temática Española de Descubrimento de Fármacos (REDEFAR)
Reunión en Santiago de Compostela da Rede Temática Española de Descubrimento de Fármacos (REDEFAR) | Fonte: USC.

A primeira xuntanza oficial serviu para a busca de sinerxías entre os grupos participantes, identificar os proxectos sobre os que organizar a colaboración e as súas posibilidades de financiamento, ademais de explorar a extensión da Rede a outros grupos nacionais no contexto actual de innovación aberta. Xunto cos grupos implicados, tamén participaron na xuntanza a directora da Axencia de Coñecemento en Saúde da Xunta de Galicia (ACIS), Sonia Martínez; o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela; e a subdirectora de Asesoría Xurídica da Xunta, Beatriz Allegue. 

REDEFAR permitirá conectar, fortalecer e visibilizar os equipos centrados no descubrimento de fármacos, ademais de mellorar a capacidade de transferencia da ciencia biomédica, a coordinación dos grupos especializados neste ámbito e a conexión co sector industrial.

O grupo BioFarma da USC asume a coordinación da rede e achega a súa experiencia acumulada de 15 anos en programas de colaboración entre entidades públicas e privadas para o descubrimento de fármacos. Ata o momento, o traballo do equipo da profesora Mabel Loza permitiu o desenvolvemento de varias moléculas que chegaron a ensaio clínicos ademais de ter posibilitado o desenvolvemento do proxecto Innopharma. 

O resto de grupos que conforman inicialmente REDEFAR están dirixidos polo tamén profesor da USC Carlos Diéguez; María Jesús Vicent (CI Príncipe Felipe); Olga Genilloud (Fundación Medina); Ferrán Sanz (Universidade Pompeu Fabra); Jordi Quintana (Parc Cientific de Barcelona); Leonardo Pardo (Universidade Autónoma de Barcelona); María Luz López (Universidade Complutense de Madrid); Ana Martínez (Centro de Investigacións Biolóxicas-CSIC); e Juan Suárez (Instituto de Investigacións Biomédicas de Málaga). 

A Rede estruturouse en catro nodos sobre HTS (cribado in vitro), Bio-quimio-informática, Química terapéutica e Modelos in vivo. Cada un destes grupos estará aberto aos grupos españois especializados nesas respectivas áreas. Así, búscase alcanzar sinerxías e a valorización das iniciativas que se levan a cabo en España nos ámbitos químico, farmacéutico e médico; unha maior coordinación e eficacia do traballo desenvolvido; e aumentar a participación e a visibilidade de España en iniciativas internas e externas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta