Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/05/2016 | Actualizada ás 22:34
Este venres e sábado a cita indiscutible do cinema en Galicia está en Baio. Alí estará a “creme de la creme” televisiva do país para asistir ao I Festival Fouciño, un curioso, divertido e imaxinativo ciclo que converterá a esa pequena localidade da Costa da Morte no centro audiovisual de Galicia.
Alí, en casas particulares, en barberías ou adegas proxectaranse os filmes, algúns amateurs, feitos polos estudantes da zona, e outros non tan amateurs. O festival tamén contará con coloquios con cineastas como Xacio Baño, co guionista Daniel D. García, coa xente da webserie PIB, co director Lois Blanco. Tamén haberá talleres para cativos, concertos con grupos como Not Only Shills, Sherj e Igmig.
Que é o festival Fouciño?
O Festival Fouciño é nin máis nin menos que o I festival de cinema da Costa da Morte -polo menos ata onde temos noticia- e que se celebra o 27 e 28 de maio en Baio, concello de Zas. En concreto, é un concurso de curtametraxes que organiza a Asociación Cultural Adro de Baio e que consta de dúas categorías, unha aberta a calquera que se sinta con talento creativo e con folgos para compartir o seu produto audiovisual -inédito claro- e outra, dirixida a escolares de Institutos de secundaria da Costa da Morte. Ademais exhibiremos fóra de concurso curtas premiadas noutros certames.
Como xorde e por que?
Hai vinte anos un grupo de mozos e mozas da zona de Baio embarcámonos na idea de facer unha película. Mellor dito Miki Martínez, un amigo, turrou por facer unha peli. Titulouse 'Fouciño Sanghento', pretendía ser (e foi) un thriller rural alí nos involucrou á pandilla enteira e por pouco un cento de persoas máis. Foi unha odisea: sen medios, sen cartos e sen moita idea de nada. A peli, editada en VHS durou 70 minutos e a súa rodaxe foi tan longa como a de Cleopatra, case abarcou varias xeracións. Debeu de ser a primeira rodada na Costa da Morte. Pero botamos unhas risas e agora de vellos e morriñentos pensamos que tal efemérede merecía ser conmemorada. E desas poeiras... estas lameiras!
Cal é o obxectivo deste novo ciclo audiovisual?
Non somos moi ambiciosos, contentámonos con poñer Baio-Zas no centro do mapa de festivais audiovisuais de Galicia. Hahaha! Esto é broma, claro. Digamos que a estas alturas a xente xa pregunta onde está Baio e iso xa é un logro. A Costa da Morte é unha zona que, en xeral, pasa desapercibida. Só saímos nos medios por mor dos naufraxios e dos temporais. Se o Festival Fouciño serve para erguer a 'paletilla' cultural e de lecer da comarca xa sería de dez. E se de paso descubrimos algunha vocación entre os cineastas nobeis locais, mellor aínda. Estarmos illados non significa estarmos incomunicados. Afortunadamente internet veu para axudarnos a salvar as fochancas das estradas.
Algúns dos que andades detrás sodes xente vinculada co mundo televisivo. Cres que isto axuda a visibilizalo e facelo posible?
queres dicir se lle botamos papo? Pois claro! Tiñamos todo a monte, sen facer, e houbo que desmestar tirando de axendas, de favores e de contactos. E mira, non nos mandaron rañala por aí. A verdade é que a idea callou moi ben! Temos un padriño de luxo que é o multipremiado Jorge Coira, os medios volcáronse coa cobertura e neste caso, si, a experiencia é un grao! Pero iso foi o doado. O resto é falar de moito traballiño de deus, desinteresado e abnegado por parte dos organizadores do festival.
Que poderemos ver en Baio esta fin de semana?
Pois cine bo e de balde!! Unha morea de creacións audiovisuais, moitas inéditas pero todas moi talentosas. Algunhas amateurs, como as que presenta o estudantado da Costa da Morte; outras pertencen ó circuíto profesional, son curtas premiadas e outras serán estreas. O público terá ocasión de velas, de valorar aquelas que entran no concurso e mesmo poderán coñecer e escoitar aos seus autores e autoras. Coloquios con cineastas como Xacio Baño, co guionista Daniel D. García, coa xente da webserie PIB, co director Lois Blanco... E haberá talleres para cativos, concertos con grupos como Not Only Shills, Sherj e Igmig... E todo iso exhibido en auditorios fóra do habitual: unha limusina, en barberías, nunha adega...
En certo xeito, lembra un pouco ao nacemento do Festival de Cans... Proxeccións en barerías, casas, bares... Supoño que hai tamén intención de facer partícipes aos veciños. Que opinan de todo isto?
Cans é falar da primeira división. O Festival Fouciño está aínda na grella de saída. Pero si, había que chamar a atención dalgunha maneira e ao non termos almanaques de bombeiros (chiste) ocorréusenos que tamén era boa idea coarlles o festival dentro dos locais ós veciños e veciñas. E funcionou! Puxémonos pedichóns e cedéronnos os establecementos, as ceas, as durmidas, oos equipos de música e de proxección, prestáronnos a limusina, déronnos o financiamento... non hai queixa!
Vexo que non haberá desfile en chimpín, pero haberá algunha outra sorpresa?
Na Costa da Morte co tempiño que padecemos o dos desfiles é unha temeridade! Pero si, hai sorpresas para o público claro. Por exemplo, sorteos para dous dos festivais de música máis senlleiros da Costa da Morte: a Carballeira de Zas e o Festival V de Valarés. E un ciclo de terror, unha performance de Gonzalo Hermo, unha charla co Rubio de Camelle (o rescatador de náufragos de tanta sona).
E, unha curiosidade, porque escollichedes un fouciño e non unha aixada, por exemplo, como lema do festival?
A peli orixinaria era Fouciño Sanghento...E quen non ten un fouciño na casa? Ou un gavillo, ou un lampo, ou unha fouce... Serve para cortar a herba, os toxos... ou para cortarlle o pescozo a calquera!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.