Desaloxada unha sala da facultade de Informática da Coruña por altos niveis de gas radon

Os expertos calculan que a sala non poderá ser reocupada até dentro de tres meses. Esta non é a primeira vez que se acenden as alarmas na universidade coruñesa por este gas canceríxeno.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/06/2016 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

A alarma sobre os niveis de gas radon volvéronse acender na Universidade da Coruña (UDC). Unha sala da facultade de Informática foi desaloxada hoxe tras detectarse un exceso de gas radon, o que o reitor da universidade coruñesa, Julio Abalde, vinculou cunha "medida preventiva", recolle Europa Press.

A Universidade da Coruña
A Universidade da Coruña | Fonte: UDC.

Este gas apareceu no centro de cálculo da facultade, "unha sala pechada á que só acceden os traballadores da universidade", remarcou Abalde tras detectarse niveis superiores de radon ao límite establecido.

No tocante aos traballadores desta sala, dixo que se trasladaron a outra dependencia, mentres no citado local se levan a cabo os traballos de acondicionamento para reducir o radon. "Iso é uns tres meses, despois volveranse tomar medidas e, se os niveis son aceptables, volverán os traballadores", engadiu.

Así, Abalde precisou que "en tres meses" espera que culminen os traballos que terán que realizar para poder retomar a actividade nesa sala.

A preguntas dos xornalistas, dixo que a UDC está a realizar un plan para analizar os niveis deste gas nos seus centros. "Porque Galicia é unha área que ten alta incidencia de radon", expuxo o reitor. Así, precisou que, por iso, puxeron en marcha un plan de análise de todos os edificios.

PRECEDENTES

Xa en marzo pasado, a UDC decidiu tomar medidas no edificio que acolle as facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación tras detectarse altos niveis de gas radon na planta soto.

As medicións son efectuadas polo Laboratorio de Radioactividade Ambiental (LRA), da Escola Universitaria Politécnica, que é o referente na súa área para todo o noroeste de España. Nas medicións tomadas no edificio que acolle estas dúas facultades, observáronse concentracións moi elevadas de radon no andar -1 onde están o estudio de radio, plató TV, camerinos e postproducción. A concentración foi da orde dos 3000-4000 Bq/metro cúbico, cando a normativa a limita a 600 Bq/metro cúbico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta