Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/06/2016 | Actualizada ás 13:30
A bióloga galega Alba Aguión Tarrío conseguiu o segundo posto na final internacional Famelab, certame cuxo principal obxectivo é fomentar a divulgación da ciencia identificando, formando e dando a coñecer novos talentos da ciencia a través dun formato innovador: o monólogo científico.
Na gala celebrada en Cheltenham (Reino Unido), o gañador foi o malasio Abhi Veerakumarasivam cun monólogo sobre o cancro. A científica coruñesa —que representaba a España neste certame— compartiu o segundo posto co representante de Qatar. E o premio do público foi para o chipriota, Constantinos Timinis.
Á final chegaron 12 dos 27 países que participaron na fase previa. En Cheltenham, Alba Aguión presentou o monólogo, titulado 'En defensa das cigarras', traducido tamén ao inglés para o certame internacional, co que conseguiu o segundo posto que comparte coa representante de Qatar, Aida Rafat.
Alba Aguión naceu na Coruña hai 26 anos e estudou Bioloxía cunha dobre especialidade (Bioloxía Mariña e Bioloxía Animal), ademais dun máster en Ecoloxía. Actualmente reside en Plymouth (Reino Unido) e traballa en Education through Expeditions, unha compañía fundada polo explorador británico Antony Jinman, que lle permite visitar centros educativos en Inglaterra contando a súa experiencia como científica no Ártico, ademais de liderar actividades e experimentos que introducen aos estudantes na ciencia e/ou as Rexións Polares.
Velaquí a interpretación do monólogo co que a bióloga galega acadou o segundo posto no Famelab internacional (tamén dispoñible en versión castelán).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.