Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/06/2016 | Actualizada ás 11:00
Nos anos 2012 e 2013 a Área de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Vigo traballou coa Organización de Palangreiros Guardeses OR.PA.GU. nun proxecto de I+D que tiña como obxectivo conseguir optimizar o proceso para obter unha conserva de peixe espada de calidade que permitise diversificar e dar valor engadido a este produto e sector. Froito deste proxecto está agora no mercado a única conserva deste tipo existente e tamén froito deste proxecto presentouse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense a publicación 'Pez espada: pesca, composición, química y valor nutricional', que recolle o coñecemento adquirido durante ese traballo e describe os beneficios deste produto para o consumidor.
“Este proxecto e esta publicación son unha demostración de como entre o mar e a universidade somos capaces de facer traballos de máximo nivel internacional”, destacou durante a presentación da publicación Joaquín Cadilla, presidente da Organización de Palangreiros Guardeses.
A publicación, asinada polas investigadoras Noemí Cobas, Sidonia Martínez e Inmaculada Franco, recolle os estudos preliminares feitos no proxecto, titulado 'Optimización tecnolóxica para a valorización e aproveitamento de subprodutos do peixe espada', desenvolvido pola Área de Tecnoloxía dos Alimentos, financiado pola Organización de Palangreiros Guardeses e beneficiario dunha axuda ao Desenvolvemento Tecnolóxico Pesqueiro e Acuícola do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.
A presentación do libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, contou coa participación de, ademais das autoras do libro e de Joaquín Cadilla, de Juana Mª Parada, directora xerente de OR.PA.GU.; Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias, e Francisco Javier Rajo, director de Infraestruturas e Desenvolvemento do campus. “Este proxecto é unha mostra dos bos resultados que pode dar a relación entre empresa e universidade”, recalcou Francisco Javier Rajo. “Para nós foi moi importante dar este paso de traballar coa universidade”, engadiu Joaquín Cadilla, que fixo fincapé na satisfacción de ver como “mesturando o que sabemos nós, que somos os mariñeiros, co que sabe a universidade” tamén desde Galicia se pode facer I+D relevante para o sector.
Na actualidade, explicouse durante a presentación do libro no Edificio Politécnico, España é o primeiro produtor de peixe espada, representando o 28,4% das capturas mundiais. Neste contexto, OR.PA.GU. é a asociación española con máis palangreiros dedicados á pesca desta especie e de especies afíns, cunha cifra que en 2015 ascendeu a 36 palangreiros que capturaron arredor de cinco millóns de quilos deste peixe polos diferentes océanos. Para esta organización, a Área de Tecnoloxía dos Alimentos analizou a composición bioquímica e microbiolóxica de mostras de peixe espada de diferentes pesos e océanos para seleccionar as de mellores características e fixo a optimización do proceso produtivo para obter unha conserva de calidade, dando resposta ás deficiencias detectadas por OR.PA.GU. nas primeiras conservas elaboradas. A conserva, apuntan desde a organización, ten na actualidade moi boa acollida, especialmente en tendas especializadas polo súa calidade e diferenciación.
O PEIXE ESPADA
Na publicación 'Pez espada. Pesca, composición química y valor nutricional' examínase a fondo o peixe espada, “un depredador oportunista” que se alimenta de peixes máis pequenos e en ocasións de diferentes crustáceos a diversas profundidades. Cun peso medio de ao redor do 100 quilos, esta especie localízase en augas frías e tépedas durante o verán e regresa a augas cálidas durante o outono. Na actualidade, descríbese na publicación, para esta especie o volume total de capturas a nivel mundial é moi significativo, empregándose como principal arte de pesca o palangre de superficie. Neste senso, España dispón dun censo unificado de todos os buques que utilizan esta arte de pesca, establecéndose condicións para o exercicio desta actividade nos distintos caladoiros onde opera. No estado a tempada de pesca esténdese todo o ano e durante os períodos de lúa chea, co palangre de superficie, pódense chegar a duplicar ou mesmo a triplicar as capturas.
O libro tamén recolle información sobre a composición e o valor nutritivo do peixe espada, co fin de mostrar os beneficios do seu consumo. “Trátase dun peixe semigraxo e cun alto valor proteico. O equilibrio dos seus aminoácidos e, en particular, a elevada relación entre os esenciais e o non esenciais, determina a excelente calidade do peixe espada como alimento”, apúntase na publicación.
É tamén importante destacar o seu contido en ácidos graxos omega 3, así como en vitaminas B e B3, entre as hidrosolubles, e en vitaminas A e D, entre as liposolubles. Deste xeito, recóllese na publicación, a achega desta última nunha ración de peixe espada é máis de tres veces o recomendado como inxesta diaria. Respecto aos minerais, o selenio contido nunha única ración de peixe espada cobre máis do 100% da cantidade recomendada ao día, informa Rosa Tedín no DUVI.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.