Por Galicia Confidencial | A Coruña | 17/06/2016 | Actualizada ás 10:25
O 'Portal das palabras', un espazo de difusión do léxico e a lexicografía do galego impulsado pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié, acaba de actualizarse para tentar que a lingua chegue a máis segmentos sociais, principalmente, aso máis novos.
Tres anos despois da súa presentación, este xoves presentáronse as novidades deste ferramenta, tanto na súa versión web coma nas aplicacións para móbiles e que permitirán unha maior expansión das súas utilidades. Entre as novidades, destaca o 'bot' para Facebook, 'Dicionario RAG', que define termos por medio do 'messenger' desta rede social. Ademais, estrea novas versións de aplicacións móbiles e unha versión de xogos específica para dispositivos móbiles.
Na presentación estivo o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o seu homólogo na Fundación Barrié, José María Arias, para quen "o portal debe crecer en profundidade implantándose aínda máis na sociedade galega". "Cara ao exterior, queremos atopar instrumentos para compartir a nosa experiencia e recibir a experiencia allea", agregou Arias.
Neste sentido, a RAG e a Fundación Barrié iniciaron o proceso de internacionalización para que a metodoloxía e a tecnoloxía deste portal pode ser transferida a outros idiomas. Por iso, o próximo 23 de xuño esta iniciativa presentarase en Guipúzcoa nun encontro con representantes de 80 linguas europeas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.