Por Galicia Confidencial | Madrid | 30/06/2016 | Actualizada ás 11:53
"Este libro ten un enorme relevo fóra do que podería ser o seu ámbito natural, que é Galicia. Porque explica como funciona a política de partido, como funciona a administración, e iso homologa o libro a toda España", dixo na presentación o xornalista galego e prologuista da obra Manuel Jabois. "Solo Rivas Fontán explica como é por dentro o sistema, e o texto é pura dinamita", engadiu. No acto, que se celebrou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o editor Henrique Alvarellos; o autor, xornalista e escritor Adrián Rodríguez; o xornalista e autor do prólogo Manuel Jabois; e o protagonista da obra, José Rivas Fontán.
Fernando Ónega
Para Ónega, ademais de sinalar que se trata de "un excelente libro, necesario e que fai historia e recolle as vivencias dun período esencial, creativo, que cambiou o rumbo da Historia de España", fixo un repaso polos aspectos máis destacados da ampla traxectoria de Rivas Fontán: deputado a Cortes, primeiro secretario xeral da Xunta, elixido alcalde de Pontevedra durante tres lexislaturas...
O editor
Para Henrique Alvarellos, este libro é "un testemuño honesto, arriscado, inédito e narrado por unha pluma excelente". Tamén cumpre os tres preceptos básicos dunha boa obra: "conta algo novo ao mundo, emociona e está ben escrita". Segundo o editor, os libros de memorias de políticos adoitan "non contar nada ou moi pouco realmente interesante e honesto. Aquí, en cambio, asistimos, por parte de José Rivas Fontán, a un exercicio de sinceridade abafadora". Ademais, "está escrito por Adrián Rodríguez cunha habilidade extraordinaria".
Prologuista
Para Manuel Jabois, "Rivas Fontán é un home que estivo na brecha durante moitos anos e fala sen lerias -e como case ninguén- sobre as interioridades da política. É unha sinceridade que esmaga e que o compromete a el mesmo".
Autor
Adrián Rodríguez destacou que "nestas páxinas podemos coñecer como son Rajoy, Fraga, Suárez ou Cuiña" e explicou a importancia do libro máis aló do ámbito local porque "Rivas estivo en contacto co poder en todos os seus niveis e foi protagonista no nacemento das tres administracións máis decisivas para os cidadáns: Congreso en 1977, Xunta de Galicia preautonómica en 1978 e Concellos democráticos en 1979". Este protagonismo permitiulle coincidir con líderes que axudaron a gobernar o país, e é a través dos diálogos con eses líderes, con Suárez, con Rajoy, con Fraga, con Cuiña, como se debuxan os perfís deses políticos. "Ocórrenseme poucas maneiras mellores de saber como é Rajoy que ler as memorias de Rivas Fontán", asegurou o autor. "As cualidades de Rivas como político son discutibles ou, mellor dito, opinables; pero as súas cualidades como candidato, non", dixo o autor, "e para iso basta con dar un paseo por Pontevedra, aínda hoxe en día, e comprobalo nun exercicio de observación a distancia", concluíu.
Para Rivas Fontán, "O libro e as súas fotografías non deixan de ser historia, un relato do que foi a política deste país nas últimas décadas, con personaxes decisivos na Historia de España". Destacou tamén o cambio espectacular que deu España nos últimos 40 anos, do que quizais algúns, sobre todo os máis novos, non se dean conta porque sempre viviron en democracia e cun benestar económico e social que non se pode comparar co dos anos 60 e 70; e definiuse como "un político de provincias", de Pontevedra. "Fontán é el e as súas circunstancias" e iso é algo que queda moi ben reflectido no libro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.