SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2016 | Actualizada ás 14:28 por EUROPA PRESS
A poetisa galega Luz Pozo Garza presentará o próximo mércores na Coruña a súa nova obra, 'Rosa Tántrica', un volume no que xoga coa simboloxía budista e o tantra e dialoga co autor arxentino Jorge Luis Borges.
En evento, que terá lugar no local de Portas Ártabras ás 20,00 horas, estará aberto ao público e servirá como homenaxe á autora no mes no que cumpre 94 anos, segundo indicou nun comunicado a editorial que publica a obra, Alvarellos Editora. Ademais, o acto contará coa presenza dos editores Olivia Rodríguez González e Henrique Alvarellos, así como coa dos escritores Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco.
A escritora Luz Pozo Garza caracterízase por "afastarse de calquera moda ou tendencia", segundo a editorial, e, a través da súa nova obra, "establece un diálogo""coa rosa de Paracelso', de Jorge Luis Borges, que narra a historia dun mago alquimista e o seu discípulo.
En concreto, a obra aborda a "idea da eternidade" a través da "palabra" e "a creación". Escrita en galego, componse de 63 poemas estruturados en dous 'Libros' e 13 capítulos.
CARACTERÍSTICAS ESTILÍSTICAS
A través deste poemario, Luz Pozo introduce o lector nun universo poético no que a puntuación "xoga cos lectores" e o galego atrae "xiros do sánscrito, latín, inglés e español".
Así mesmo, a obra desenvólvese en torno á simboloxía budista e o tantra e articúlase a través da enerxía positiva de Pundarika, a Táboa de Esmeralda, o ciclo da "vidamuerte-vida-reencarnación" do Samsara e a pureza da Flor de Loto. Así, tamén aborda os "tigres de Borges" e conta coa aparición de filósofos, como Carl Jung.
Ademais, 'Rosa Tántrica' conta coa colaboración de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, autores dalgúns poemas situados ao final do libro. Mentres, a escritora ribadense é a responsable da capa e dos debuxos interiores.