As illas Cíes teñen dez tipos diferentes de costa

Investigadores da Universidade de Santiago describen por primeira vez a variada tipoloxía costeira do arquipélago do Parque Nacional das Illas Atlánticas usando avanzados sistemas de información xeográfica.

Por Alberto Quian | Vigo | 06/07/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As illas Cíes, na ría de Vigo, teñen unha gran variedade de costas que fan deste arquipélago unha alfaia da natureza. En concreto, son dez os tipos diferentes de costa que se identificaron nun estudo que vén de ser publicado polos investigadores Alejandro Gómez-Pazo, do Departamento de Xeografía da Universidad de Santiago de Compostela (USC), e Augusto Pérez-Alberti, do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental, no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da mesma universidade. Esta caracterización engloba desde os tipos de maior pendente, que destacan na zona máis exposta á acción mariña, ata a costa baixa, dominada polos areais da vertente oriental, onde a erosión causada polo océano é menor.

Praia de Rodas, nas illas Cíes.
Praia de Rodas, nas illas Cíes.

A investigación centrouse en buscar unha aproximación metodolóxica semiautomática ás costas rochosas que axude a poder caracterizalas mellor. Para iso, os investigadores da USC elixiron as illas Cíes e usaron ortofotografías e datos LIDAR, a partir dos cales se xerou información do terreo de 0,5 metros de resolución. A súa combinación permitiu diferenciar dez tipos de costa singularizados pola súa asociación a plataformas litorais, acumulacións de bloques na súa base ou distintos perfís topográficos, así como por enmarcarse en sectores acantilados ou de sistemas praia-duna. 

TIPOLOXÍA

Características dos 10 tipos de costa das Cíes. Fonte: Gómez Pazo e Pérez Alberti (2016).
Tipo Altura Pendente Características Situación
> 16 m > 50 Acantilados verticais Fachada occidental e extremo norte de Monteagudo 
2 > 80 m   > 50 Acantilados de maior altitude  Vertiente occidental 
3 < 80 m   Norte de las islas y fachada occidental  > 15 Frecuente presenza de coídos na base dos acantilados Norte das illas e fachada occidental 
4 > 80 m < 80 m 

15 – 30
3 – 15

Agrupación complexa segundo perfil Maiormente na fachada oriental 
5 < 80 m  3 – 30  Perfil composto Zona do dique, fachada oriental e extremo sur
6 30 – 80 m  15 – 30 Perfil marcado pola etapa evolutiva da plataforma  Vertiente occidental próxima ao dique
7 < 30 m  30 – 50 Con plataforma na base do acantilado  Zona norte vertente oriental 
8 < 30 m  30 – 50 Sen plataforma na base dos acantilados  Extremo norte da vertente oriental 
9 30 – 80 m  30 – 50  Sen acumulacións na base do acantilado  Vertente occidental da illa norte 
10 < 15 m > 3  Costa baixa/arenais Vertente oriental 

Illas Cíes
Illas Cíes | Fonte: pichardiño flickr

O tipo 1 de costa definido polos investigadores correspóndese cos acantilados de maior pendente, "podendo chegar a superar os 80° nalgunhas zonas, característica que fai que só se atope naquelas zonas onde a influencia mariña é maior", explican os investigadores. Nestas áreas "predominan os procesos erosivos relacionados coa chegada de ondas de maior altura do período invernal, frecuentemente de compoñente O-NO, as cales impiden a acumulación de sedimentos na base dos acantilados".

O tipo 2 de costa identificado está asociado aos acantilados dunha maior altitude, que "do mesmo xeito que no caso anterior atópanse en áreas de alta influencia mariña", segundo os científicos. "Trátase dos de maior potencia que se poden atopar no arquipélago e que se poden considerar como mega-acantilados pola súa altitude dentro do rango altitudinal no que se atopa o arquipélago, onde a altitude máxima alcanza os 192 metros", proseguen. "Os depósitos sedimentarios existentes dentro deste tipo quedan reducidos a pequenos sectores da zona norte, asociados a praias de bloques (coídos) ao abrigo de saíntes. No caso da illa sur, este tipo está ligado a pequenas plataformas litorais de menos de 20 metros. O perfil que se forma neste caso é extremadamente homoxéneo, o que se relaciona co substrato predominantemente granítico que presenta unha resistencia máis homoxénea á erosión que noutros lugares, non existindo rupturas de pendente ata o cliff top, que coincide en ocasións coa parte máis elevada da illa", describen no estudo.

O tipo 3 de costa ten "un perfil tendido con variacións na súa pendente na parte baixa en relación con plataformas e zonas de acumulación, que non superan os 100 metros no seu desenvolvemento lonxitudinal". Ademais, "nas zonas de acumulación hai que destacar a presenza de coídos compostos por bloques que poden superar os 5 metros no eixo maior".

No tipo 4 "únense ambas as categorías, dado que os seus perfís presentan unha gran similitude, o que se debe relacionar coa reducida importancia que ten neste arquipélago a variación altitudinal. As acumulacións non son características e tan só aparecen representadas con claridade no extremo sur".

O tipo 5 de costa descrito "atópase en relación con plataformas litorais inclinadas na parte norte". Esta tipoloxía atópase, como explican os científicos, "nas zonas cunha menor importancia da influencia mariña, presentando un perfil composto por unha base case plana ou de pendente moi baixa que evoluciona cara a unha ruptura de pendente relacionada co fin da zona de acumulación, a partir da cal a pendente aumenta conforme aumenta a altitude".

No tipo 6 de costa obsérvase "un perfil irregular nas proximidades do mar en función da etapa evolutiva na que se atope a plataforma litoral e que aumenta a porcentaxe de pendente constantemente conforme se afasta da costa". Segundo os investigadores, "trátase dunha costa baixa cunha importante presenza de pequenas plataformas litorais". 

Os tipos 7 e 8 presentan "características moi similares", pero amosan matices distintos polo seu contacto co mar, que "é por medio de plataformas litorais no primeiro tipo, mentres que no segundo o contacto é directo". Así, "no tipo 7 o seu perfil presenta unha ruptura de pendente a partir da plataforma litoral que pode dar lugar a un segundo nivel de plataforma, ou zona plana, segundo o seu nivel evolutivo, derivando posteriormente nunha pendente que se reduce conforme aumenta a altura. Pola súa banda, o tipo 8 tan só aparece no extremo norte da vertente oriental, cunha pendente máis homoxénea que no caso anterior, sendo o seu desenvolvemento lonxitudinal maior que o que do tipo 7, a pesar de que este está asociado ás plataformas litorais", explican os científicos.

O tipo 9 ten acantilados que "entran directamente no mar e que non teñen ningún tipo de acumulación na súa base como consecuencia da exposición aberta á influencia mariña". Sobre o seu perfil, os investigadores da USC detallan que "presenta unha pendente suave na base, cun posterior cambio brusco na zona media, para suavizarse progresivamente na parte superior".  

Por último, o tipo 10 denominouse como costa baixa, "estando limitado aos areais e pequenas plataformas como a existente na traspraia de Rodas, na contorna do lagoon". A súa localización "está relacionada directamente coas zonas de menor influencia mariña, nas que se fai posible a sedimentación de material fino", apuntan os investigadores da USC, para os que se trata dunha categoría "cuxos perfís topográficos son moi variables ao atoparse nunha costa sedimentaria, onde a evolución é moito máis rápida se a comparamos coas costas rochosas, polo que non se pode definir con claridade un perfil tipo para todo o conxunto, pero o que si se cumpre é que as alturas e as pendentes son moi baixas".

----------------------------------------------

Gomez-Pazo, Alejandro; Pérez-Alberti, Augusto (2016). Aplicación de los SIG en la clasificación morfológica de los tipos de costa: el ejemplo de las Illas Cíes (Galicia, NO de la Península Ibérica). Revista de Geografia e Ordenamento do Território (GOT), n.º 9 (junho). Centro de Estudos de Geografia e Ordenamento do Território, p. 161-185, dx.doi.org/10.17127/got/2016.9.008.

As Illas Cíes
As Illas Cíes | Fonte: Susana Costas.
Mapa de distribución dos tipos de costa nas illas Cíes, a localización dos cortes topográficos e exemplos dos tipos de costa máis destacados
Mapa de distribución dos tipos de costa nas illas Cíes, a localización dos cortes topográficos e exemplos dos tipos de costa máis destacados | Fonte: Alejandro Gomez-Pazo e Augusto Pérez-Alberti (2016).
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta