Por gcdeportes | Pontevedra | 10/07/2016 | Actualizada ás 09:20
Unha explicación científica para unha queixa estendida entre os seareiros sobre os árbitros: cando gaña o equipo grande pola mínima, o partido remata axiña; cando perde o grande, hai máis tempo engadido. Para axudarlle, por se remonta.
Carlos Lago, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, ven de publicar, en colaboración coa docente da Universidad Europea de Madrid Maite Gómez, un estudo na revista Perceptual and motor skills que, baseado en técnicas estatísticas, confirma que os colexiados favorecen os grandes equipos reducindo o tempo engadido cando van por diante no marcador e sumando segundos extra se van perdendo. Leva por título The influence of referee bias on extra time in elite soccer matches. Xa no seu libro Fútbol es Fútbol, publicado no 2015, Lago ofrecía explicacións científicas sobre crenzas do deporte rei, e xa apuntaba o que outras investigacións confirman: a idea de que as arbitraxes benefician os equipos grandes.
Para realizar este traballo, os autores analizaron os 380 partidos (dez partidos en cada unha das 38 xornadas) que se xogaron na Liga española durante a temporada 2014-2015, considerando a posible influenza na cantidade de tempo engadido de variables como a diferenza de goles, o nivel de xogo de cada equipo, o número de tarxetas vermellas e amarelas, as substitucións e as faltas cometidas. Para isto empregaron a regresión lineal, unha técnica estatística moi utilizada para detectar relacións entre variables e observaron que canto maior é a diferenza no marcador, menor é o tempo adicional que concede o árbitro. Pola contra, se o resultado é moi axustado, os árbitros tenden a engadir máis segundos se o equipo de maior nivel vai por detrás no marcador e menos se vai por diante.
O profesor do campus de Pontevedra recoñece que “pode que a habitual queixa dos equipos menos poderosos sobre o mellor trato dos árbitros cara os equipos grandes teña sentido”, xa que segundo os datos desta investigación “tenden a beneficiar coas súas decisións os equipos mellor clasificados cando teñen o marcador en contra”. Engade Carlos Lago que “esta vantaxe é máis grande canto máis importante sexa a diferenza entre os clubs”.
A prol do equipo local
Outra das crenzas populares arredor da arbitraxe no fútbol sostén que os colexiados favorecen os equipos locais, e existen estudos previos que demostran que a presión dos espectadores locais inflúe nos árbitros á hora de conceder máis ou menos tempo. En concreto, na Liga española, os árbitros engaden 112 segundos máis cando o equipo que xoga na casa vai perdendo por un gol que cando vai gañando pola mínima. Esta tendencia a favor dos equipos locais tamén se identificou nos partidos da Bundesliga, a Serie A italiana, a Premier League, a Major League Soccer de EUA e Canadá ou no Campionato Brasileiro.
Segundo o profesor da Universidade de Vigo, “o máis preocupante é que este trazo dalgúns árbitros cara os equipos locais e os clubs grandes parece ter nome e apelidos, no sentido de que os colexiados con menos experiencia son os que máis se ven afectados polo ruído ambiental, ademais de que hai árbitros máis ou menos caseiros e con maior ou menor tendencia a beneficiar en situacións concretas os equipos grandes”.
As posíbeis solucións
Carlos Lago e Maite Gómez achegan tamén no seu estudo unha serie de recomendacións para tratar de diminuír a incidencia dos árbitros nos partidos. Por unha banda, “mellorar a formación dos árbitros e evitar na medida do posible a subxectividade das súas decisións”; e por outra, a tecnoloxía podería axudar, “aínda que o trazo dos colexiados pode diminuír simplemente se se fan conscientes do seu papel no resultado dos partidos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.