Por Manuel Vilas | Santiago | 01/08/2016 | Actualizada ás 08:00
A secretaría xeral de Medios continúa a repartir importantes cantidades entre os xornais do país a un par de meses das eleccións. Agora son 250.107 euros para un acordo marco titulado “Servizo de difusión de actuacións públicas especificas da Xunta de Galicia en xornais impresos para o ano 2016”. A través deste instrumento, Medios comezou xa a contratar pequenas cantidades a nivel comarcal.
En total dende principios de ano, o Goberno Galego leva repartido, segundo o cómputo de GC, polo menos 8,25 millóns de euros en accións de propaganda en determinados medios de comunicación. Esta licitación é, polo tanto, un paso máis na política de subvencións aos grandes empresarios da comunicación, pero cunha peculiaridade no referente ao ritmo de inserción da propaganda.
No novo contrato, o Executivo xustifica o gasto alegando que “o goberno é suxeito e obxecto de información e valoración política” pero tamén ”emisor dunha serie de
mensaxes dirixidas aos cidadáns, facilitando o exercicio dos seus dereitos e promovendo o cumprimento dos seus
deberes”.
A nova campaña de publicidade será executada a través da axencia Idea, Creatividad y Comunicación en virtude dun acordo marco que debe executar nos vindeiros 6 meses, segundo un contrato formalizado o 7 de xullo. A comisión da axencia será de entre o 4 e o 6 por cento de cada publicidade contratada nos xornais.
Asuntos comarcais
Grazas a este acordo marco, a Xunta xa comezou a repartir pequenas cantidades por zonas. Os investimentos son do máis variado. Algúns deles non cadran en absoluto coa necesidade de proporcionar información básica aos cidadáns esgrimida pola Xunta. Así, por exemplo, xa está contratada unha “acción de difusión” co título “Innovación industrial: a provincia de Lugo como referente galego da aviación non tripulada". Noutras palabras, propaganda gobernamental para destacar a posta en marcha do polémico aeródromo de drons en Rozas.
O acordo marco inclúe tamén a difusión do "Saneamento da Ría de Pontevedra", referente as medidas correctoras lanzadas pola Xunta tras a sanción imposta pola Unión Europea pola insuficiente depuración das augas na EDAR de Praceres. Aos xornais impresos de Ferrolterra tamén lles está a chegar o maná gubernativo, neste caso coa escusa de difundir a “Política Social en Ferrol” nunha batería de anuncios que rematou este 1 de agosto.
Capacidade de influencia inmediata sobre a prensa local
A peculiaridade desta estratexia é que o acordo marco non especifica unha data límite para publicar a propaganda, máis aló dos seis meses contados dende xullo. Agora ben, o máis probábel é que a Xunta vaia gastando os máis de 250.000 euros en pequenas doses de anuncios, publicándoos aos chisco dende este verán e até a convocatoria das eleccións.
Deste xeito, ao gastar pouco a pouco en función de determinadas campañas de índole local e comarcal, Medios ten unha arma coa que influír inmediatamente na liña editorial dos xornais impresos en asuntos que son de debate nas súas zonas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.