Investigadores galegos revelan a dieta do polbo cabezudo e confirman que tamén é caníbal

Científicos do Instituto de Investigacións Mariñas publican un artigo no que dan a coñecer que a especie Eledone cirrhosa en augas galegas e portuguesas se alimenta principalmente de crustáceos, pero tamén practica o canibalismo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 10/08/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Científicos do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), veñen de publicar un artigo no que revelan a dieta do polbo Eledone cirrhosa en augas do Atlántico ibérico, baseada fundamentalmente en crustáceos, peixes teleósteos, equinodermos, moluscos e poliquetos. Os investigadores atoparon ademais "eventos de canibalismo", confirmando así achados recentes do propio CSIC sobre o comportamento caníbal do polbo.

Exemplar de polbo Eledone cirrhosa
Exemplar de polbo Eledone cirrhosa | Fonte: www.wamarine.co.uk.

Como explican os propios autores no seu artigo, a crecente preocupación pola sustentabilidade pesqueira conduciu a un cambio no enfoque da xestión da pesca, pasando a unha xestión baseada nos ecosistemas. Segundo os investigadores, este proceso consiste na identificación dun conxunto de indicadores, entre os que se deben considerar factores ontoxenéticos e ambientais que afectan a inxestión de presas.

O estudo dos científicos do IIM, con sede en Vigo, combinou a análise morfolóxica e molecular do contido do estómago dos polbos e a regresión loxística multinomial (MLR) para entender o réxime da dieta e factores que afectan a esta no caso dos exemplares de Eledone cirrhosa que habitan as augas do Atlántico ibérico.

As mostras recolléronse mensualmente da pesca comercial de especies múltiples de arrastre de fondo entre febreiro de 2009 e febreiro de 2011, en tres zonas: o norte e o oeste de Galicia, e o norte de Portugal. Tras a análise de estómago dos exemplares, os investigadores comprobaron que este tipo de polbo se alimenta principalmente de crustáceos, seguido de peixes teleósteos (co esqueleto completamente osificado), equinodermos (ourizos de mar, estrelamar...), moluscos e poliquetos (vermes mariños do tipo dos anélidos).

A análise molecular de 14 contidos estomacais confirmou a identificación visual das presas, así como eventos de canibalismo entre esta especie.

Acto de canibalismo dun polbo
Acto de canibalismo dun polbo | Fonte: CSIC.

Ademais, as probas estatísticas amosaron que o sexo e o peso corporal do polbo non afecta significativamente a selección de presas, mentres que a tempada, as áreas de pesca e o estado de madurez dos animais si ten un efecto significativo sobre a probabilidade de selección dunha presa en particular.

POLBO CANÍBAL

O achado de probas de canibalismo nos estómagos dos polbos analizados vén confirmar as propias investigacións previas levadas a cabo no IIM nos últimos anos, dentro do proxecto CEFAPARQUES. En 2014, o CSIC anunciou que tiñan observado e gravado por primeira vez na natureza, nas illas Cíes, o canibalismo do Octopus vulgaris, ou polbo común, documentado xa por algúns científicos pero nunca antes visto in situ polos científicos.

"Este comportamento rexistrámolo en tres ocasións: o 11 de decembro de 2012, o 13 de xullo de 2013 e o 26 de novembro de 2013. A análise das imaxes permite obter as seguintes conclusións: o canibalismo dáse entre polbos de diferente idade e tanto en machos como en femias. Ademais, os exemplares atacantes seguiron un patrón de comportamento común despois de realizar as súas capturas", comentaron por entón os responsables da investigación.

Agora, os resultados presentados na revista Hydrobiologia amosan o mesmo comportamento da especie Eledone cirrhosa, tamén coñecida, entre outros nomes, como polbo cabezudo ou polbo de limpo.

--------------------------------------------------------

Regueira, M., Guerra, Á., Fernández-Jardón, C.M. et al. (2016). Diet of the horned octopusEledone cirrhosa in Atlantic Iberian waters: ontogenetic and environmental factors affecting prey ingestion. Hydrobiologia, pp 1–13. Doi:10.1007/s10750-016-2916-2.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta