Temas: TRáFICO

A rotonda máis grande, absurda e presuntamente corrupta de Galicia

Se circulas na autovía do Salnés camiño ao interior para conectar coa Autoestrada do Atlántico ou coa nacional que une A Coruña con Tui terás a tentación de saír en Curro. Pensarás “abofé que tal enorme enlace, cunha rotonda de máis de 50 metros de radio, debe conectar cunha vía de gran capacidade”. Estarás equivocado. Na rotonda só atoparás o enlace a un polígono industrial semiabandonado, cunha macroigrexa evanxelista como principal reclamo.

Por Manuel Vilas | Pontevedra | 23/08/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Na rotonda de Curro, o único enlace útil cunha estrada é cara a comarcal que vai de Vilagarcía a Pontevedra. Curro está a unha ducia de quilómetros da AP9 e se queres chegar á nacional, deberás gastar un cuarto de hora por estradas locais mal sinalizadas.

Peche, merendeiro tapado e garaxe dos camións de Aricur na finca Atranco, moi próxima á casa da familia Louzán e a rotonda de Curro
Peche, merendeiro tapado e garaxe dos camións de Aricur na finca Atranco, moi próxima á casa da familia Louzán e a rotonda de Curro

Pelotazo na maior rotonda de Galicia
Quen decidiu facer en Curro semellante a infraestrutura? Foi a Xunta, pagando polos terreos seis veces máis do que correspondía. Esta é a conclusión que acaba de presentar a Fiscalía nun xulgado de Cambados tras anos de investigación. Segundo informa Carlos García en Faro de Vigo, o perito que taxou os terreos e o empresario beneficiado polo pelotazo enfróntanse a unha petición de pena de 5 anos por un presunto delito de prevaricación.

O empresario é familiar de Rafael Louzán, o  ex-presidente PP de Pontevedra e hoxe presidente da Federación Galega de Fútbol. Chámase Juan Luís Abal Piñeiro, foi administrador único de Aridos de Curro SL, que tiña unha canteira na zona hoxe ocupada pola macrorotonda e o polígono.

A Xunta pagou polos terreos 1,2 millóns en 2010; malia que inicialmente só os valorara nuns 600.000 euros. Un informe pericial encargado polo fiscal asegura que como moito o Goberno debería ter pagado como moito 345.000, polo que a fiscalía reclama agora que se lle devolva a Administración autonómica máis de 900.000 euros.

Aridos de Curro
O pelotazo do enlace de Curro non é o único lucrativo negocio que o curmán segundo de Louzán fixo con administracións gobernadas polo PP. Áridos de Curro S.L. (Aricur) recibiu entre 2007 e 2013 da Deputación de Pontevedra máis de 502.000 euros en 15 adxudicacións. Varias delas mediante concursos sen publicidade ou a través da prolongación das contratas. As adxudicacións a Aricur foron tan constantes que polo menos dúas veces a Deputación tivo que admitir no seu propio Boletín (BOP) que non lle adxudicaba máis contratos á constructora porque Aricur xa lle alugara todos os seus camións á propia Deputación.

Esgótase a sorte de Louzán tras unha denuncia anónima
Durante lustros as adxudicacións de Louzán a súa familia e a expropiación para a rotonda foron obxecto dos ruxe-ruxes entre os veciños da zona, sobre todo porque a familia Louzán ten o seu berce a cinco minutos en coche, en Ribadumia. Con todo e malia algunha denuncia pública da oposición, ningún asunto xudicial salpicara a Louzán. A súa sorte cambiou o ano pasado cando unha denuncia anónima entrou nos xulgados de Cambados. Relataba varios negocios, entre eles o de Curro e o suposto sobreprezo pagado por un concelleiro do PP por uns locais do matrimonio Louzán.

A Xustiza dividiu a denuncia en varias causas. Pola dos alugeiros  Louzán está imputado e foi a  que provocou a súa ‘espantada’ da Deputación cada a Federación de Fútbol. Pola do enlace a fiscalía solicita imputar a Juan Luís Abal Piñeiro e ao perito da Xunta, Juan Melón. Segundo informa Elisa Lois en El País, o denunciante explicoulle a fiscalía que había outros políticos implicados, pero o ministerio público tras investigar durante varios anos só sentará no banquillo a Abal Piñeiro e Melón.

Por último, cómpre sinalar que COPASA e Puentes y Calzadas fixeron as obras do enlace. COPASA é a única construtora galega que aparece nos papeis de Bárcenas por presuntamente pagar comisións en negro ao PP. Puentes é a empresa na que traballou Agustín Hernández no tempo que o PP estivo fóra da Xunta. Hernández, hoxe líder do PP en Santiago, era o conselleiro responsábel de obras públicas en 2010, cando a Administración abonou o prezo presuntamente inflando ao familiar do seu compañeiro de partido.

Rafael Louzán, expresidente da Deputación de Pontevedra
Rafael Louzán, expresidente da Deputación de Pontevedra | Fonte: PV

Enlace e macrorotonda de Curro cando estaban en construción
Enlace e macrorotonda de Curro cando estaban en construción | Fonte: Gocsa.es
Vista área do macroenlace, canteira abandonada de Aricur e rotonda de Curro en Google Maps
Vista área do macroenlace, canteira abandonada de Aricur e rotonda de Curro en Google Maps
Temas: TRáFICO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

12 Xil

A idea foi boa no seu día, incluído o polígono (ben situado) Chegaron as gaivotas e hubo desfeita, como en todo

11 XIL

A idea foi boa no seu día, incluído o polígono (ben situado) Chegaron as gaivotas e hubo desfeita, como en todo

10 Incorruptible

O proxecto foi cambiado pola xunta do PP. Periodismo de DOG

9 Un xuntaletras calquera

O proxecto do enlace de curro redactouse, licitouse e adxudicouse estando na Xunta De Galicia o Bipartito Psoe-BNG. Perodismo de investigación usando google así o acredita...

1 yolanda

se a competencia é dá deputación no é da xunta de todas maneiras o psoe e pp a mesma corruptela é

8 Pinemetralla

Todo ía ben ata que leín "señalizada" Moi bien, poida que o autor teña razón no que di, pero senón hai algunha coherencia léxica no que din o artigo non vale para nada! E si, acredito que esa rotonda é unha auténtica desfeita!