SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2016 | Actualizada ás 19:03 por EUROPA PRESS
O coordinador da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Gabriel Mato, acudiu este xoves ao pleno do consello Galego de Pesca para coñecer as achegas dos traballadores do sector respecto á nova normativa comunitaria, que aspira a agrupar as 30 vixentes e atender ás características de cada zona.
Preguntado polos xornalistas antes do acto, que tivo lugar en Santiago, o membro da Comisión indicou que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, contactó con el con anterioridade para que acudise a esta reunión.
Ademais, explicou que a conselleira tamén lle trasladou un avance das achegas do sector pesqueiro galego, que abranguen elementos como o tamaño de especies, os aparellos, tipos de arte e zonas de pesca, entre outros. Así, apuntou que reunirse co consello Galego de Pesca lle permite "enriquecerse" cos comentarios dos representantes da flota.
Deste modo, destacou, Europa aspira a elaborar o "mellor documento posible" e que este "non prexudique a actividade do sector pesqueiro galego". Ademais, avanzou que, mediante este encontro, busca trasladar aos profesionais do mar de Galicia "en qué situación se atopa" a reforma prevista.
NOVA NORMATIVA EUROPEA
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que "a maior parte" das suxestións do colectivo galego foron recollidas por Gabriel Mato, quen as integrará nun ditame que exporá ante a eurocámara, onde se debaterán.
Mato expuxo que a nova norma busca establecer unha "base común" e, dentro dela, detallar "especificidades das pesqueiras e as zonas". O ditame inclúe as metas e obxectivos e, como novidade, un apartado dedicado á "rexionalización", unha adaptación das normas por rexións, en lugar de por países.
En concreto, sinalou que o obxectivo da elaboración dunha nova normativa é "flexibilizar" e "simplificar" a actual, así como "involucrar" os traballadores do sector nela. "Se eles non entenden e comparten as regras é moi difícil que as cumpran", afirmou.
Ademais, Gabriel Mato defendeu que o cambio de regulación se debe a que "o concepto da pesca" cambiou e, polo tanto, a política comunitaria "debe adaptarse" á situación actual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.