Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/08/2016 | Actualizada ás 11:06
Varios colectivos pesqueiros e ecoloxistas veñen de denunciar que o proxecto de reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos-Fin da Terra é "unha cortina de fume" que abre a porta ás "instalacións actuais de cultivo de salmón (amplamente rexeitadas polo sector, grupos ambientais e amplos sectores da sociedade)" e "a futuras instalacións de acuicultura intensiva industrial", cos conseguintes "graves impactos ambientais que se van a orixinar", segundo denuncian os asinantes dun comunicado moi duro co borrador do Anteproxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea esta reserva mariña de interese pesqueiro.
O documento está asinado pola Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega), a Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga), a plataforma Plademar, a Cofradía de Portosín, Verdagaia e Salva la Selva. Nel, expresan o seu rexeitamento á "mal chamada" reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos-Fin da Terra e piden que se anule o proxecto e que se cree unha mesa de debate entre a Administración, sectores profesionais e asociacións medioambientais para “recuperar de verdade os ecosistemas costeiros” e poñer en marcha plans de “desenvolvemento racional e moderno da pesca artesanal e marisqueo”.
"Non se pode utilizar a palabra reserva mariña como cortina de fume e xustficacion do apoio e perpetuación á contaminación e prexuízos orixinados pola acuicultura intensiva industrial, e continuar restrinxindo e profundando a crise produtiva e social da pesca artesanal e o marisqueo e os ecosistemas mariños das rías e litoral de Galicia", denuncian no comunicado.
Para estes colectivos está claro que “estamos diante dun intento de lexitimar, baixo a palabra «reserva mariña», as instalacións actuais do cultivo de salmón, ampliamente rexeitadas polo sector, grupos ambientais e amplos sectores da sociedade, e servir de cobertura a futuras instalacións de acuicultura industrial e os graves impactos ambientais que se van a orixinar”.
Esta reserva de interese pesqueiro abarcaría desde a ría de Muros e Noia até máis aló de Cabo Fisterra. Os denunciantes insisten que o borrador "expón loables obxectivos ambientais e pesqueiros, pero se se le atentamente a súa redacción e articulado pódese apreciar que todos estes bos desexos e enunciados funcionan como unha cortina de fume para disimular os seus verdadeiros efectos sobre os ecosistemas costeiros da zona e a pesca artesanal e marisqueo da mesma e doutras zonas", din.
As seis entidades afirman que o proxecto non busca outro obxectivo que o "privatizar e xestionar unha zona importante á marxe da lexislación actual, onde se permita e promova a acuicultura intensiva industrial, non se tomen medidas reais contra a contaminación actual e se restrinxa o acceso da pesca e marisqueo tradicional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.