Por Galicia Confidencial | Coristanco | 04/09/2016 | Actualizada ás 11:00
Unha arte que esmorece. A regueifa segue perdendo os seus últimos actores. Desta volta foi Guillermo Vázquez Vila, Guillermo da Rabadeira, o último regueifeiro de Coristanco, que faleceu este venres 2 de setembro de 2016.
Despois da morte do mestre Blanco de Muiñoseco (1989), de Costa de Xaviña (2007) e de Fermín de Feiranova (2013), era Guillermo a última peza que quedaba dese gran cuarteto de regueifeiros que hai tempo que arrastraba problemas de saúde que lle impedían estar en activo. Con todo, saíu por última vez en plena acción no programa da TVG Grandes Lugares o pasado mes de maio, tendo como “contrincante” a Suso de Xornes.
Guillermo Vázquez Vila naceu na Rabadeira (Seavia) en marzo de 1937. Como el mesmo dicía, a regueifa xa lle levaba idea desde rapaz, e pasou boa parte da súa vida percorrendo Galicia, xunto con outros regueifeiros, dando a coñecer e poñendo en valor un dos tesouros culturais da comarca bergantiñá no que o inxeño, a improvisación e a retranca eran os grandes protagonistas.
Coa súa perda, a regueifa coristanquesa queda orfa, despois de ter dado grandes momentos e grandes regueifas en festas populares e outros eventos, e en serio risco de desaparición se non se potencia o seu coñecemento e a súa práctica por parte das novas xeracións.
Nova do medio colaborador QPC
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.