Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/09/2016 | Actualizada ás 16:00
"O ITMATI estase convertendo, a pesar dos seus escasos anos de traxectoria, nun instrumento clave na que será a cuarta revolución industrial, posto que reúne o coñecemento e aplicación do conxunto de tecnoloxías que fan posible todo o potencial da industria 4.0". Así o explicou a directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), Peregrina Quintela Estévez, na presentación da memoria anual de actividades correspondente ao ano 2015 no workshop "ITMATI: un consorcio das tres universidades galegas para facilitar aos investigadores a transferencia da Matemática Industrial á empresa", na aula magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
A memoria plasma un importante incremento de ingresos e actividade, reflexo da consolidación do Instituto. O centro de transferencia de coñecemento está participado polas tres universidades galegas e, de acordo cos datos reflectidos na memoria, case duplicou os seus ingresos respecto ao ano 2014; en concreto, aumentaron un 97,16 por cento, pasando de 551.529,35 euros a 1.087.372,89? en 2015, excluído o IVE.
A función do ITMATI —que naceu en marzo de 2013 con vocación de ser un centro de investigación tecnolóxica de referencia a nivel internacional— é proporcionar solucións a pequenas e medianas empresas (pemes), a grandes firmas, a industrias e a administracións públicas para apoiar a innovación e a mellora da competitividade no sector produtivo, grazas ao uso de ferramentas desenvolvidas desde a Matemática.
INDUSTRIA 4.0
Na presentación desta mañá, Peregrina Quintela Estévez salientou as ferramentas de modelización, simulación numérica, modelización estatística (Big Data) e optimización das que fai uso o centro e que son a base para que a actividade das empresas evolucione cara ao concepto de industria 4.0.
"A Matemática Industrial é unha tecnoloxía facilitadora clave á hora de falar de industria intelixente, xa que as ferramentas que son a base da industria 4.0 teñen o seu alicerce na tecnoloxía matemática", explicou a directora do ITMATI.
No proceso de converter a industria en intelixente, vinculando o mundo físico ao virtual, "o ITMATI está chamado a ser un referente para a industria galega, o conxunto da española e a internacional", comentan dende o propio centro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.