Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/09/2016 | Actualizada ás 13:47
A Secretaría Xeral de Política Lingüística saíu este venres ao paso do anuncio realizado este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre a blindaxe do uso do castelán na Administración pública dentro do Decreto de protección á cidadanía. Neste sentido, suliña que a Xunta seguirá contestando en galego as reclamacións dos cidadáns e que as respostas nunha ou noutra lingua oficial serán só do Teléfono 012.
Política Lingüística aclara que "o decreto non cambia –senón que fixa-" o marco normativo, nin os hábitos de promoción da lingua propia de Galicia na Administración autonómica. “Cómpre aclarar polo tanto que, con carácter xeral, a Administración autonómica vai contestar en galego salvo que se indique unha decisión explícita por parte do cidadán ou da cidadá de querer que esa consulta sexa efectuada en idioma castelán. De non indicalo así, a resposta será en galego”, indica.
En todo caso, lembra que “só se fixo referencia ao dereito da cidadanía a recibir unha resposta na lingua cooficial solicitada pola persoa interesada”, tal e como establece – entre outros textos legais -, lembra, a Lei 3/83 de normalización da lingua galega, ou como aparece reflectido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. “No caso de non existir unha solicitude expresa, a lingua utilizada pola Administración autonómica será normalmente a galega”, engade.
Por iso quere acalara que a única novidade serán as solicitudes recibidas a través do Teléfono 012, nas que por parte da Administración se empregará a lingua cooficial seleccionada previamente pola persoa interesada na súa locución durante o proceso de dirección da chamada. “É neste proceso onde se dá inicialmente, a opción de ser atendido en galego ou castelán e polo tanto a propia mecánica da consulta dará lugar a unha selección previa por parte do usuario ou usuaria de ser atendido nun idioma determinado”, apunta a través dun comunicado.
Críticas da Mesa
Con todo, o anuncio realizado este xoves por Alberto Núñez Feijóo no Consello da Xunta foi duramente criticado pola Mesa pola Normalización Lingüística. A asociación en defensa da lingua galega acusou o presidente autonómico e líder do PPdeG que se aproveitar da súa posición para "meter o galego en campaña" electoral, afastándose dos sectores "máis moderados" do seu partido para "rabuñar uns votos" da facción "máis intransixente" da dereita.
Ata agora a lingua que se utilizaba dende a administración para responder ás peticións cidadás era a galega, aínda que xa estaba recoñecido o uso de castelán se había unha solicitude expresa por parte do demandante, segundo recordou en rolda de prensa Marcos Maceira, presidente da Mesa.
Maceira ironizou con que se pretenda "blindar os dereitos dos castelán falantes", parafraseando a Feijóo, cando esta atención "xa está contemplada" tanto pola Xunta coma polas decenas de disposicións aprobadas pola Administración do Estado.
En contraposición, enumerou diferentes casos de exclusión da lingua galega, como nun formulario de pagamento de comedores escolares "en castelán e inglés" que denunciou unha usuaria a través do servizo 'Liña do galego', o uso constante do español en vídeos e indicativos por parte dos hospitais do Sergas ou na oficina de Correos de Santiago, entre outros ámbitos como a Xustiza.
"Hai unha evidente desprotección dos galego falantes", reiterou, advertindo de que os "antecedentes" do goberno autonómico levan a situarse "no peor dos casos".
"Pola porta de atrás”
"Empezou coa modificación de eliminar as probas de galego no acceso á función pública e seguiu co decreto do plurilingüismo", recordou, para acusar o PP de "querer rematar o mandato" cambiando "pola porta de atrás" a Lei de Normalización Lingüística.
Maceira lamentou, ao respecto, que o presidente da Xunta sexa "o primeiro" en "fomentar prexuízos" contra o galego con declaracións deste tipo, incidindo en que a Lei de Normalización indica que o galego debe ser o idioma preferente nas relacións cos cidadáns.
"Chamamos a reflexionar sobre isto", sinalou, dirixíndose aos sectores sociais "que aman o galego e a Galicia", sobre todo aos cargos públicos "que estean en contra deste tipo de medidas", para que "se expresen publicamente" e axuden a "frear este brote de gallegofobia".
Tamén avanzou que, en caso de que o texto do decreto permaneza tal e como o anunciou este xoves Feijóo, impulsarán unha "mobilización social" na rúa e estudarán acudir "por ao vía xudicial se é necesario", ademais de pedir os cidadáns que voten por forzas políticas "que apoien o galego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.