Sánchez fai dende Galicia “un chamamento persoal” a Iglesias e Rivera para formar goberno con el

O secretario xeral do PSOE visita Vilagarcía de Arousa nun acto de campaña electoral e censura os "vetos cruzados" entre Podemos e Ciudadanos.

Por E.P. | Vilagarcía de Arousa | 18/09/2016 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, fixo este domingo "un chamamento persoal" aos líderes de Podemos e Cidadáns, Pablo Iglesias e Albert Rivera, respectivamente, para que "pensen ben" a posibilidade de formar un goberno con el.

Pedro Sánchez, nun mitin en Vilagarcía
Pedro Sánchez, nun mitin en Vilagarcía | Fonte: PSdeG.

Nun mitin na localidade pontevedresa de Vilagarcía, ante unhas 300 persoas, e para apoiar ao candidato socialista á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, o xefe de filas do PSOE incidiu en que as tres forzas —PSOE, Podemos e Ciudadanos— suman 14 millóns de españois e que un eventual goberno conxunto podería centrarse en atender "tres causas" fundamentais para España. Trátase, como enumerou o socialista, de "loitar contra a desigualdade, acabar coa corrupción e conseguir emprego digno" para todos. "Paga a pena", recalcou, entre múltiples aplausos.

Fronte a iso, volveu xustificar o seu 'non' á investidura de Mariano Rajoy, entre vítores de 'presidente!', e incidiu en que non pode apoiar aquilo que se comprometeu a "cambiar". "Somos o partido do si: do si aos dereitos, á igualdade, á rexeneración democrática; e por iso dicimos non a Rajoy", proclamou Sánchez.

Na mesma liña, advertiu de que a continuidade do líder popular na Moncloa provocará que "a corrupción sexa a historia de nunca rematar". "Hai que mandar o PP á oposición para que non haxa máis Camps, Barberás, Matas,...", sentenciou co apoio do público.

"VETOS"

Sánchez censurou os "vetos cruzados" entre Podemos e Cidadáns, malia as coincidencias que exhibían antes das eleccións do 20 de decembro.

"Nós tamén queremos que haxa goberno en España de xeito urxente, pero non calquera goberno", sinalou, antes de defender que o país necesita un executivo "limpo, social, dialogante e crible" tras catro anos de "moita corrupción, recortes, imposicións e mentiras".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta