Por E.P. | Ferrol | 26/09/2016 | Actualizada ás 10:33
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), mostrou a súa "decepción" polos resultados obtidos por En Marea nas eleccións deste domingo, ao "non lograr" o obxectivo marcado de obter "suficiente número de parlamentarios para, entre todas as forzas da esquerda, representar a maioría social" que "está sendo agredida".
"Non logramos mobilizar a nosa xente e por iso non pode avaliarse como un éxito en ningún dos casos, e por iso estamos bastante decepcionados co resultado, porque Feijóo vai continuar sendo presidente outros catro anos," lamentou Suárez.
O rexedor de Ferrol en común tamén apelou á "autocrítica necesaria" e continuar "traballando nos procesos de construción deste novo suxeito político" para "buscar unha mellor conexión coa cidadanía" e coa "xente que está a sufrir recortes". "Que vexan en nós unha alternativa e continuar dando pasos para futuras citas electorais", apuntou.
DISPUTAS DO BIPARTITO
Jorge Suárez destacou que, no caso concreto da cidade de Ferrol, "En Marea logrou 7.500 votos, que é un número moi similar ao das anteriores eleccións xerais". "Se o extrapolamos ao ámbito local, e sumados aos logrados por PSOE e BNG, continuariamos sendo forza de Goberno, pero é algo que non nos serve de estímulo", subliñou.
O alcalde de Ferrol realizou autocrítica e incidiu na necesidade de "trasladar á cidadanía" o "traballo diario" do goberno "en lugar de mostrar as disputas internas no ámbito do bipartito" ferrolano. "Temos dous anos por diante, sabendo xa que non imos ter a colaboración da Xunta, e, polo tanto, temos que crear un bloque sólido e continuar traballando", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.