Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/09/2016 | Actualizada ás 18:00
10.356 publicacións —incluíndo chíos e rechíos— entre as 20.00 horas deste domingo e as 01.07 horas na madrugada do luns. Unha media de 33 chíos e rechíos por minuto. A vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións galegas moveu a 6.802 usuarios desta rede que publicaron chíos orixinais e rechíos doutras contas sobre o presidente da Xunta de Galicia. GC recompilou os datos a partir do mesmo momento que se pecharon as urnas e comezou o escrutinio, coas enquisas adiantando a que foi a terceira maioría absoluta do PPdeG liderado por Feijóo. Na recollida de datos usamos como termos de busca "@FeijooGalicia" (nome da conta oficial do líder dos populares galegos) e "Feijóo".
Para o termo "@FeijooGalicia" atopamos 4.213 mensaxes nese intervalo de tempo de cinco horas, cunha media de 13,7 publicacións por minuto. O termo "Feijóo" apareceu nese mesmo tempo 6.123 veces, incluíndo chíos e rechíos, cunha media de 20 por minuto. En total, máis de 10.300 publicacións que, sen embargo, non lograron facer do presidente da Xunta trending topic en España.
Pero, que mensaxes e usuarios tiveron máis impacto? A publicación que máis se viralizou foi lanzada ás 22.03 horas polo usuario Anacleto Panceto (@Xuxipc). Unha mensaxe chea de sorna e dirixida a Feijóo e Ciudadanos. En tres horas, acadou 509 rechíos, que seguiron aumentando posteriormente.
Para garantizar la gobernabilidad, Albert Rivera ofrecerá sus 0 escaños a Feijóo.
— Anacleto Panceto (@Xuxipc) 25 setembro 2016
O segundo chío que máis impacto tivo foi este do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, publicado ás 23.51 horas para felicitar aos candidatos do PP en Galicia e Euskadi. En apenas hora e cuarto Rajoy conseguiu 419 rechíos, e a cifra seguiu crecendo nas horas seguintes.
Enhorabuena a @FeijooGalicia, @AlfonsoAlonsoPP y a los equipos del @PPopular, orgullosos de vuestra labor. MR pic.twitter.com/VIuFgnsVoj
— Mariano Rajoy Brey (@marianorajoy) 25 setembro 2016
A terceira publicación con máis impacto foi esta mensaxe, moi crítica coa xestión de Feijóo, publicada ás 20.17 horas por Paco Lobo (@Cazatalentos). En total, en cinco horas, conseguiu 379 rechíos, que seguiron crecendo posteriormente.
#L6EuskadiGalicia Feijóo ha dejado Galicia en la miseria más absoluta y se perfila para sustituir a Rajoy. Vamos a morir todos.
— Paco Lobo (@Cazatalentos) 25 setembro 2016
O cuarto chío con máis impacto foi dun dos usuarios máis coñecidos en Twitter España entre as contas máis retranqueiras desta rede: gerardo tecé ( @gerardotc). Esta mensaxe, chea de sorna sobre as amizades perigosas de Feijóo, acadou 377 rechíos entre as 22.06 horas —cando se publicou— e as 01.07 horas, até a nosa recollida de datos. E seguiu crecendo.
Llega Feijóo en el yate de un amigo a la sede del PP de Galicia. Gritos de presidente, presidente. #CTXT25S
— gerardo tecé (@gerardotc) 25 setembro 2016
E xa no quinto posto aparece o propio gañador destas eleccións. Con esta mensaxe, cunha foto coa súa nai, publicada ás 22.54 horas, Feijóo acadou 376 rechíos en case dous horas e cuarto. Os rechios seguiron aumentando nas horas posteriores.
EN GALICIA SI. Gracias. ANF pic.twitter.com/etuYYgKgPL
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) 25 setembro 2016
Por último, entre os 6.802 usuarios que identificamos na conversa arredor de Feijóo, o máis activo foi @Guadalupbragado, directora xeral de Formación Profesional y Enseñanzas de Régimen Especial na Comunidad de Madrid. En total, sumou 54 mensaxes. A segunda, con 38, foi @marsicilia, quen se define como "Española, Católica, Perica y del PP... ahí es nada viviendo en Cataluña! Y muy orgullosa de todo ello". E a terceira, con 32 mensaxes, @POSITIVAARRIBA, conta vinculada ao PP.
Velaquí os gráficos cos datos máis destacados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.