Por E.P. | A CORUÑA | 26/09/2016 | Actualizada ás 15:08
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, achacou á falta de tempo e a "algún erro" durante a campaña electoral uns resultados para En Marea que "non foron de todo malos", xa que se sitúa como segunda forza e a "alternativa" ao PP.
A preguntas dos xornalistas, Ferreiro recoñeceu a "incontestable" vitoria do PP nas eleccións autonómicas ao revalidar a maioría absoluta. Non obstante, a pesar da derrota, Ferreiro sostén que os votos dos cidadáns posicionan a En Marea como a segunda forza máis votada, a "alternativa" aos populares.
Ferreiro alegou que a confluencia de forzas se fixo "en tempo marca" ante o adianto electoral e considera que se o proxecto estivese "máis maduro", os resultados "serían mellores". "É certo que o construímos no tempo que foi e o adianto electoral non nos beneficiou", dixo.
Tampouco descarta que se cometeran erros durante a campaña electoral: "Seguramente algún erro de campaña habería para que as cousas non saísen todo o ben que puideron", apuntou o rexedor herculino, quen, a pesar disto, considera que os resultados "non foron de todo malos".
Precisamente, en relación ás discrepancias internas con Podemos durante a campaña, aínda que non as considera "graves", recoñece que o "ruído" non é bo durante os días de campaña, e máis se se magnifica.
"PROXECTO ENRAIZADO EN GALICIA"
"En Marea é autónoma", asegura Ferreiro, que aposta por seguir traballando para que este sexa un proxecto enraizado en Galicia e ir construíndo esta organización, que non está de todo asentada porque se fixo "nun tempo marca".
E é que, na súa opinión, o feito de que En Marea sexa a segunda forza máis votada en Galicia permite "sentar as bases" para un traballo de catro anos no Parlamento" e, unha vez pasado ese tempo, situarse como "unha alternativa máis forte".
Cuestionado sobre se a falta de acordo co PSOE puido influír nos resultados, Ferreiro admitiu que o electorado aprecia cando as forzas políticas non conseguen poñerse de acordo.
"Os resultados do PSOE son complicados", dixo o rexedor herculino, que asegura que os socialistas "non sairán ben parados" se non colaboran e facilitan a gobernabilidade das institucións nas que poden facelo -como é o caso do Concello da Coruña-.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.