Os 4.030 votos de Compromiso por Galicia comprometen o futuro deste partido

A existencia de CxG está en xogo tras obter os peores resultados da súa curta existencia. A formación, que perdeu destacados militantes nos últimos meses, enfróntase a un futuro incerto. Xoán Bascuas fala de "reiniciar" o partido.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/09/2016 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

4.030 votos. Este é o paupérrimo apoio que conseguiu Compromiso por Galicia (CxG) nas eleccións autonómicas deste domingo. A forza liderada por Xoán Bascuas queda así nunha situación moi comprometida, coa súa existencia en xogo.

Xoán Bascuas, no acto de Compromiso por Galicia do 25 de xullo
Xoán Bascuas, no acto de Compromiso por Galicia do 25 de xullo | Fonte: CxG.

CxG atópase dende hai varios meses nun proceso de desintegración que semella imparable. Malia que este partido aspiraba a ser a gran alternativa do galeguismo, o proxecto non só non conseguiu asentarse, senón que ademais se atopa agora mesmo case extinguido tras os pobres resultados acadados e a saída de centos de militantes nos últimos meses, principalmente cara En Marea. Nesta deriva, os dirixentes de CxG, malia as voces que pedían unha integración noutros proxectos políticos, como os do BNG ou En Marea, apostaron por manter a súa autonomía e estratexia política, pero con campañas de moi baixa intensidade, sen chegar á cidadanía, para a que, na maior parte de Galicia, son case uns descoñecidos. Moitos consideran que o seu gran erro foi presentarse a estes comicios en solitario; outros mesmo estiman que o seu problema é tentar manter unha postura demasiado centrada que non convence a un electorado cada vez máis polarizado entre a dereita e a esquerda. Os resultados das eleccións avalarían estas opinións.

Nomes importantes como Xosé Manuel Pérez Bouza, Paulo Carlos López, Xulia Guntín, Henrique Monteagudo, Xosé Antón López, Denís Fernández Méndez, Pencha Santasmariñas, Iván Marrube ou o escritor Xabier López, ademais do alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, deixaron o barco de CxG nos últimos tempos. O único fortín e valor que parece quedarlle a este partido é Lalín e o seu alcalde, Rafa Cuíña, quen, sen embargo, xa se amosou moi crítico coa deriva do partido.

OITAVA FORZA POLÍTICA

A decadencia de Compromiso é tal, que quedou como oitava forza política en Galicia, mesmo por debaixo de partidos aparentemente máis pequenos como PACMA e Democracia Ourensana. Así, nestas eleccións, CxG conseguiu tan só o 0,28 por cento do total dos votos, cun total de 4.030 sufraxios, fronte aos 14.586 acadados nas eleccións de 2012 (o 1,01% do total), cando aínda era unha forza emerxente e en construción. Estes datos acadados nas eleccións do 25S sitúan a Compromiso ao bordo da extinción. De feito, PACMA, por exemplo, acadou o 1,04 por cento, con 14.785 votos, case catro veces máis que Compromiso, e Demoracia Ourensa logrou o 0,54 por cento, cun total de 7.679 votos, case o dobre que CxG.

O retroceso de CxG é brutal, tanto, que xa nin nos seus feudos mantén o tipo. Así, en Vilar de Santos (Ourense) e Lalín (Pontevedra), onde goberna con amplitude, perdeu tanta forza nestes comicios que estivo mesmo a piques de non recibir un só voto. En Vilar de Santos, onde obtivera o 52,92 por cento dos votos hai catro anos, e nada menos que o 86,74 nas municipais de 2015, CxG tan só puido lograr agora o 0,76 por cento. Nesta localidade a gañadora desta vez foi En Marea, co 48,95 por cento dos votos.

En Lalín, onde Cuíña goza da alcaldía, CxG pasou do 7,29 por cento en 2012 ao 1,88 en 2016, mentres o PP acadou unha vitoria esmagadora, aumentando do 59,80 ao 64,09 por cento. Ademais, nas eleccións municipais de 2015, Cuíña conseguira o 25,35 por cento dos votos, quedando como segunda forza máis apoiada, puidendo acceder á alcaldía.

Así as cousas, o futuro de CxG semella moi escuro e difícil de aclarar, malia os intentos de Bascuas por reflotalo.

"REINICIAR" O PARTIDO

Xoán Bascuas compareceu onte en Santiago, na sede nacional do partido, para facer unha valoración duns resultados que "non teñen paliativos”, dixo. O secretario xeral da formación galeguista agradeceu o gran traballo realizado “por todas as persoas que compoñen este proxecto, que traballaron sen descanso para facer esta gran campaña”.

Tamén agradeceu aos votantes o seu apoio. Facendo unha valoración máis xeral das eleccións, o candidato á Presidencia da Xunta recoñeceu a vitoria do Partido Popular e falou da necesidade de "reiniciar" o partido, pensando nas próxima eleccións municipais: “Hoxe moita xente se deixou guiar polo seu concepto de voto útil e probablemente a toda esa xente ese voto útil non lle serviu para nada", considerou.

"Hoxe pido que dentro de dous anos e medio, nas eleccións municipais, esa xente pense que é moito mais libre votar co corazon e na confianza daquelo no que un cre, que votar simplemente naquelo que pensa que pode ser menos malo”, dixo Bascuas, que engadiu: “Hai catro anos dixemos que Compromiso era como a choiva que caia na terra para facela agromar. Pode ser que hoxe non chova moi intensamente, pero temos a certeza de que en dous anos e medio esa choiva será moito máis que orballo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Galahaz

Experimento fallido. O seu principal erro foi centrar o seu discurso na esquerda cando ese espazo político está saturado hoxe en día e máis desde a irrupción de AGE/Mareas/Podemos. Nunha realidade paralela na que en Amio só abandonara o BNG a á máis socialdemócrata do partido e Beiras e os seus ficaran no Bloque quizais poderían ter tido máis suceso, pero no seu espectro político hai demasiada oferta na actualidade e, sexamos serios, Bascuas como líder é de todo menos carismático, que é algo fundamental cando se quere lanzar un novo partido político. O que pasará cos seus cadros e militancia de aquí en adiante é toda unha incógnita.

2 Tiago

O experimento do cacique de Lalín xa terminou. Pero o pobre Bascuas segue sen decatarse

1 Home pequeno

Ten todo o dereito do mundo Bascuas a manter aberta a conta de Facebook. Tamen pode ter sorte e que algun dos deputados de En Marea que marchen coa acta entre en Compromiso por soñar que non quede