Por E.P. | PONTEVEDRA | 26/09/2016 | Actualizada ás 18:02
O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luis Bará, valorou este luns como "excelente" o resultado da formación nacionalista nos comicios autonómicos deste domingo e sinalou que o Bloque está "de remontada". "Con dous debates e unha semana máis, merendámonolos", chanceou.
"Síntome moi moi orgulloso polo traballo feito", repetiu Bará, sinalando o labor desenvolvido pola súa organización despois das eleccións xerais de xuño como a "clave" para que comezase un proceso de "recuperación" que lles levou a "romper con todas as previsións, expectativas e enquisas" e obter un "excelente resultado tendo en conta a situación" anterior.
En todo caso, Luis Bará precisou que "o resultado electoral a nivel xeral non é satisfactorio porque o PP consolida a súa maioría absoluta en Galicia e iso é unha mala noticia para o país", aínda que determinou que isto, máis que mérito do Partido Popular, "é mérito das forzas políticas que tiñan obriga de presentar unha alternativa ao PP".
Bará apuntou que "ao fracaso desas forzas políticas a nivel estatal" e "a súa incapacidade para chegar a acordos e formar unha alternativa política o Partido Popular" lle deu "unha vida extra a Rajoy, ao PP e tamén a Feijóo en Galicia".
Do mesmo modo, indicou que "houbo unha falta de capacidade de ilusionar e de atracción" por parte desas forzas que, a xuízo de Luis Bará, "ten que ver con ese desgaste que están a ter, polas súas propias contradicións, polas súas propias loitas". Neste sentido, citou o "espectáculo" que deron nas semanas previas á cita electoral. Todo iso "axudou muchísimo ao PP", apuntou.
FUTURO
Nunha comparecencia na sede local do Bloque Nacionalista Galego, Luis Bará apuntou que para o BNG empeza "un ciclo político novo" de "moita ilusión e esperanza", despois dun período "de desgaste e retroceso". "Conseguimos que volvese ao BNG moita xente que se distanciara e que mirase para nós con confianza", subliñou.
Para iso, recoñeceu que se cambiaron as liñas centrais do discurso do BNG para facelo "máis atractivo" e niso, para Bará, tivo moito que ver o "estilo, brillantez e capacidade política" da candidata, Ana Pontón.
De cara ao futuro, o Bloque ten, segundo Luis Bará, "unha esixencia moi grande para atraer máis xente, abrir as portas do BNG, para facelo máis forte e sumar máis ilusión e apoios" para ter un "papel central" na política galega.
O SEU PORVIR POLÍTICO
Preguntado sobre se abandonará a súa responsabilidade como concelleiro no grupo de goberno do Concello de Pontevedra, Bará respondeu que "esas cousas se falarán con calma". "En principio, o máis lóxico é esa idea, os dous postos incompatibles", dixo.
Respecto á súa opinión persoal, Bará confesou que se sente "absolutamente feliz, realizado e motivado na política local" e ao comparar a súa traxectoria conclúe que "non hai ningunha outra experiencia de goberno na política municipal. "Se dependese de mi intentaría compatibilizarlas, pero non depende de min", indicou.
"Estarei ao que decida a miña organización", engadiu, "pero o feito de ter seis deputados vai requirir moita dedicación, moito esforzo e traballo e é difícil compatibilizar esas dúas tarefas".
ANÁLISE DO PSOE DE PONTEVEDRA
O voceiro do grupo municipal do PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, expresou nesta xornada post electoral a súa decepción polos resultados obtidos pola súa agrupación política nas eleccións autonómicas.
Así, lamentou que foran incapaces de xerar ilusión e que o electorado decidira apostar por un goberno do PP, "de recortes, de abandono e de débeda pública". Un feito que, segundo afirmou, debe facerlles reflexionar sobre a estratexia que os socialistas desenvolven no futuro. "Os resultados aquí en Pontevedra, na provincia e en Galicia son decepcionantes", aseverou o socialista.
Fernández criticou tamén as disputas internas no seu partido durante todo este período de campaña electoral. Neste sentido, referiuse ás discrepancias entre o PSOE de Vigo e o do resto da provincia, pero tamén aos comentarios realizados dende Andalucía e Extremadura. O voceiro socialista asegurou que houbo "pouca cordura" e unha "actitude desleal" co candidato Leiceaga.
PP DE PONTEVEDRA
Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, compareceu en rolda de prensa para mostrar a súa satisfacción polo feito de que na formación siga "recuperando día a día a confianza dos pontevedreses".
Nas eleccións europeas do 2014, o PP obtivo máis de 8.560 votos en Pontevedra, mentres que nas municipais de 2015 foron 10.725 veciños, o 20 D foron 16.266, no mes de xuño conseguiron 17.474 votos e este pasado domingo, 17.839. "Un bo resultado, pero seguiremos traballando para melloralo", dixo Moreira.
CIDADÁNS E MAREA
A voceiro de Ciudadanos en Pontevedra, María Rey, mostrouse preocupada polo ascenso do Partido Popular nestas últimas eleccións autonómicas e polo descenso de votos do seu partido. Non obstante, manifestou que Cidadáns se formulan os retos electorais como un traballo de fondo, porque non viñeron a realizar un "sprint".
María Rey garantiu a súa confianza na candidata Cristina Losada, sinalando que conta con todo o apoio do partido. "Tan culpable pode ser ela coma todos nós", apostilou.
Finalmente, o voceiro municipal de Marea Pontevedra, Luis Rei, valorou que En Marea sexa "a segunda forza en Galicia, na provincia de Pontevedra e tamén no Concello de Pontevedra,", unha circunstancia que les "anima a pensar" que "se"pode construír unha alternativa que faga que no ano 2020" poidan "desprazar á dereita do goberno da Xunta de Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.