SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2016 | Actualizada ás 15:21 por EUROPA PRESS
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, opinou este martes que as mareas teñen que facer "toda a autocrítica que consideren" tras os resultados do pasado domingo nas urnas, pero que "non "deben flaxelarse", pois "para flaxelalas xa hai moita xente apuntada" no club".
De feito, preguntado ao respecto polos xornalistas, reivindicou que se produciu "unha mellora" de En Marea, con 14 deputados, con respecto a nove obtidos por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en anteriores comicios galegos, en 2012.
Acerca do 'tuit' do deputado de En Marea por Lugo no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, no que riscaba de "ignorantes" aos votantes por apoiar maioritariamente a continuidade do PPdeG, Noriega sinalou que "o pobo galego falou (...) e hai que respectalo" e que así trasladouno a propia noite electoral.
"Tamén decidiu que a oposición ten que ser liderada por En Marea, e ese é un mandato que hai que exercer con responsabilidade, ilusión e esperanza", resaltou o primeiro edil da capital galega.
O que non quixo comentar son as opinións dun dos fundadores de Anova (formación que xa abandonou), Mario López Rico, sobre o efecto negativo do líder de Podemos, Pablo Iglesias, na campaña galega. "As Miñas enerxías son limitadas en tempo e en espazo, e téñoas invertidas noutras cousas", resolveu.
EXTRAPOLACIÓN AO MUNICIPAL
Ao fío dos resultados do domingo, cuestionado sobre que a extrapolación o faría perder a alcaldía, Noriega resolveu: "Verémolo en dous anos e oito meses".
"Eu nunca fago extrapolacións, nin cando me favorecen nin cando non, porque cada proceso electoral ten as súas peculiaridades", proseguiu, antes de criticar que "algúns", en referencia ao voceiro do PP en Santiago, Agustín Hernández, "están excitados por vender a pel do oso antes de cazalo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.