Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/09/2016 | Actualizada ás 10:00
O Partido Animalista contra o Maltrato Animal (Pacma), consolídase xa como a sexta forza en Galicia. O Pacma obtivo nas eleccións do 25 de setembro case 15.000 papeletas, 7.000 máis que hai catro anos, e o 1,04% dos votos.
Especialmente significativa é o aumento de apoio a este partido nas cidades galegas. Así, en Vigo chegou a case o 1,7% dos votos e 2.400 papeletas, ou na Coruña ao 1,3% e 1.600 votos.
Con todo, a formación animalista baixou con respecto aos pasados comicios xerais do 25 de xuño onde sacou algo máis de 16.600 papeletas, 3.000 máis que nas eleccións do pasado decembro e alcanzou en torno ao 1,1% dos sufraxios.
De feito, neses últimos comicios xerais e en cidades como en Vigo, o Pacma estivo moi preto do BNG. Nesta urbe obtivo case 2.400 votos –os mesmos que agora-- e o 1,43% de porcentaxe, fronte aos 3.300 do BNG que obtivo entón unha porcentaxe dun 1,97%. Unha situación diferente a destas eleccións do 25S, onde o BNG subiu aos 9.500 votos e o 6,4% nesta cidade.
Con todo, o Pacma situouse en apoio electoral moi por riba doutros partidos como Democracia Ourensana ( 7.670 votos), Compromiso Por Galicia ( 4.030 votos) ou Gañemos (2.400 votos).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.