Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/09/2016 | Actualizada ás 11:53
A guerra interna que vive o PSOE pode acabar con outra guerra en Galicia. A dimisión de 17 membros da Comisión Executiva Federal do PSOE que busca a toda costa a dimisión de Pedro Sánchez xa é unha batalla global entre os distintos sectores socialistas que, obviamente, tamén chegou a Galicia.
Unha situación, a do PSdeG, que pode, ademais estoupar, xa que a xestora que preside Pilar Cancela, próxima a Sánchez, pode ser anulada se os críticos toman o poder, co que se podería nomear outra xestora afín aos baróns socialistas que pivotara o novo rumbo dos socialistas galegos.
Con todo, e tal e como está facendo Pedro Sánchez, a xestora socialista e o novo líder parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, non están pola labor de dimitir e poderían facer fronte ao ataque dos críticos. Unha situación, que tal e como acontece no PSOE, acabaría en guerra total tamén en Galicia.
Pilar Cancela xa advertiu aos críticos de que non se pode actuar ao marxe da legalidade dentro dos estatutos do propio partido. Así, desde este sector din que, primeiro hai que ver como se resolve a crise no PSOE para ver que pasa despois en Galicia, aínda que advirten que aquí hai “ritmos propios”.
Pola súa banda, o sector crítico denuncia a intención de Cancela e do seu círculo de "manterse no poder a toda costa" e xa se comezou a organizar. Ás críticas feitas nos últimos días por destacados dirixentes próximos a Abel Caballero, Pachi Vázquez ou José Blanco, que lideran o círculo crítico en Galicia, súmase unha xuntanza este mércores de urxencia entre un grupo nutrido deles para artellar unha alternativa a Sánchez e a actual dirección galega desde Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.