Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/10/2016 | Actualizada ás 14:43
Compromiso por Galicia (CxG) decidiu impulsar un "reinicio" tras os "malos" resultados obtidos nas eleccións galegas do pasado domingo e no que o actual secretario xeral, Xoán Bascuas, non se presentará á reelección. Así o anunciou hoxe o propio Bascuas, quen considera "evidente" que Compromiso ten que impulsar un "reinicio" e, por iso, o consello Político Nacional celebrado este sábado en Santiago vai convocar un segundo Congreso Nacional Ordinario que, aínda que debería ser celebrado en decembro, finalmente farase o 21 de xaneiro porque os estatutos así determínano (ten que haber un prazo de tres meses dende a súa convocatoria ata a súa celebración) .
"E dado que vai ser un reinicio, en boa lóxica a persoa que estivo a dirixir a organización nestes catro anos non debe ser a mesma que protagonice ese reinicio. De aí a razón pola cal tamén anuncio que non volverei concorrer á elección como secretario xeral", anunciou Bascuas, quen a partir de xaneiro de 2017 deixará de ocupar o devandito cargo.
Así mesmo, explicou que o seu partido está a valorar cáles son as causas polas que CxG está a atravesar esta situación: "Hai causas achacables á propia organización e outras que son exóxenoas, que non se corresponden única e exclusivamente á responsabilidade de Compromiso", dixo.
Ademais, Bascuas considera que a campaña electoral realizada polo seu partido, tendo en conta os "recursos" dos que dispoñían, foi "boa". "O traballo é ben valorado, levamos unha precampaña e unha campaña que duraron 45 días e entendemos que o noso grao de coñecemento debeu incrementarse como consecuencia dese grao de exposición", argumentou o aínda secretario xeral de Compromiso, quen cre que estes argumentos fan que "a valoración dos resultados sexa aínda máis negativa".
IMPLANTACIÓN TERRITORIAL
Preguntado sobre que suporá o devandito reinicio, Bascuas indicou que iso o terá que determinar o conxunto dos afiliados, pero descarta que a cuestión radique na "denominación" ou no "logotipo". "Radica máis nunha forma de operar e de traballar [...] Noso traballo ten que ser, máis ben, de implantación territorial", subliñou.
A continuación, defendeu que Compromiso debe ir cara aos comicios municipais sabendo que ten que presentar, "cando menos, arredor de 60 candidaturas". É máis, asegurou que se trata dun "reto" que ten que asumir o seu partido "dende xa". "Na noite electoral anunciamos que presentabamos o traballo cara ás municipais, é noso reto: canta máis implantación teñamos no país, mellores serán os nosos resultados", opinou.
Non obstante, fixo fincapé en que un "partido galeguista" como Compromiso "non pode ser municipalista", pois "o seu propio nome indica que é un partido de país". "Compromiso poderá non concorrer a algunhas eleccións, pero ás galegas e municipais concorrerá sempre", sentenciou.
Pero ademais, lamentou que a cidadanía galega decidise "acollerse a un discurso" que "marcaron as principais forzas políticas que concorreron ao Parlamento", sobre todo, precisa, no "ámbito da esquerda": o da "apelación ao voto útil".
"VOTAR POR AQUILO QUE QUEREN"
"O resultante foi que esa apelación ao voto útil non lle valeu a ninguén, simplemente para que uns poidan ter unha maior ou menor presenza no Parlamento, pero non para xerar cambio de goberno", defendeu Bascuas, quen considera que "van sendo horas" de que os galegos "asuman que o mellor que poden facer é votar por aquilo que queren" e non "en termos de utilidade", senón en "termos de representación".
Sobre determinados exmembros de Compromiso que se integraron en En Marea, como Xosé Manuel Pérez Bouza, asegurou non temer que volva suceder algo similar. Con todo, admitiu que eran persoas "cualitativamente referenciais", feito que contribuíu, na súa opinión, a que "algunha xente pensase que Compromiso estaba integrado na Marea". "Contribuíu a confundir as cousas", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.