Por M.V. | Santiago de Compostela | 14/10/2016 | Actualizada ás 09:00
Como e cando xurdiu a idea de montar unha plataforma como eMonte?
eMonte é un proxecto que se inicia a mediados do 2014, pero non é ata este 2016 cando saíu á luz. A idea xurde a partir das preguntas que se teñen que facer os propietarios forestais sobre o seu monte: quen me pode mercar a madeira? Canto vale? Debido ao abandono rural, os propietarios forestais viven cada vez máis nas cidades, polo que a vinculación co mundo forestal se reduciu. Neste contexto é onde aparecen os problemas: a relación natural entre o monte e a propiedade mudou por completo.
Inspirouse nalgún proxecto similar noutro sector?
A inspiración en certa medida foi dos portais inmobiliarios online, que axudaban aos propietarios a compra/vender/alugar un inmoble. Iso si, en eMonte fomos máis alá ao evitar ter que ensinar a propiedade ou ofrecendo a posibilidade de recibir ofertas a través da plataforma.
Cal é o proceso que ten que seguir unha persoa interesada en comercializar a súa leña?
Primeiro, rexistrarse na plataforma como usuarios. Segundo, rexistrar o monte na plataforma cubrindo un sinxelo formulario. Terceiro, seleccionar a forma de venda da súa madeira. Ofrecemos dúas posibilidades: venda por lote (€/lote) ou por tonelada (€/Tm). Cuarto, recibir no seu domicilio un cartel de eMonte que debería colocar na entrada principal do monte. In situ, tamén tería que deixar os marcos do terreo ben claros, e incorporar á plataforma fotografías, que serán visualizadas por todas as empresas rexistradas. Unha vez feito isto non tería que facer nada máis. Só agardar a recibir ofertas pola súa madeira. Isto é posible por un lado grazas á APP para móbil de eMonte, que lle permite ás empresas ir ao monte sen necesidade de ir acompañadas do propietario forestal. E por outro, cun sistema especial de poxa que reflexa á perfección o mecanismo de compravenda tradicional. Unha vez rematado o período establecido para vender a súa madeira, o propietario só ten que indicar si acepta ou non a oferta máis alta recibida.
Moitos dos propietarios de montes particulares son persoas de idade avanzada, que en teoría fan menos uso da Internet que os mozos. Con todo, eMonte aposta pola Rede tanto para captar provedores como para darlle saída á leña...
A tipoloxía de propietarios forestais é moi variada. É certo que a maioría dos propietarios forestais son persoas de certa idade, pero cada vez viven máis lonxe das zonas rurais polo que necesitan axuda para poder xestionar as súas propiedades. Eu sempre poño o mesmo exemplo, miña avoa, con 85 anos é usuaria dun portal online inmobiliario moi coñecido, pero non sabe nin prender un ordenador. Entón como é posible? É o neto, neste caso eu, quen lle incorpora o anuncio no portal. En eMonte queremos conseguir o mesmo, que sexa a xente máis nova, a que está habituada a empregar Internet, a que opere na plataforma.
Daquela, cal é o perfil tipo de cliente ao que esperan chegar?
Son tres diferentes. primeiro, os pequenos propietarios forestais. En Galicia hai máis de 672.000 pequenos propietarios espallados por todo o territorio. Case un de cada catro galegos ten un anaco de monte.Logo están as comunidades de montes veciñais. Case 2.800 comunidades por toda Galicia. Por último, as empresas do sector. O sector da madeira aglutina a máis de 3.000 empresas, aínda que o público obxectivo de eMonte son menos de 400, as vinculadas directamente coa industria forestal.
Que superficie mínima debe ter a leira cuxa madeira queiramos ofrecer? Valen todo tipo de árbores?
Para vender madeira a través de eMonte, o monte debe ter unha superficie mínima de polo menos 3.500 m2. O motivo fundamental é que para montes máis pequenos, as empresas coas que traballamos non están interesadas por mor dos costes loxísticos. A través de eMonte pódese vender calquera tipo de madeira (piñeiro, eucalipto, carballo, etc.).
Quen se ocupa dos permisos de tala, de seren necesarios?
Unha vez que se pecha a operación de compravenda, eMonte emite un contrato vinculante entre propietario e empresa, no que se establecen as obrigas a cada parte. Neste sentido, as empresas rexistradas en www.emonte.es son as encargadas de tramitar os permisos de tala da madeira.
Falemos de cartos, que sempre é a clave da cuestión. Como garante eMonte que as ofertas que recibo están máis ou menos dentro dos parámetros normais do mercado?
O sistema especial de poxa de eMonte está totalmente orientado a que o propietario venda a madeira do seu monte coa máxima comodidade e a un prezo xusto. As empresas que realizan as ofertas a través da plataforma coñecerán en todo momento o lugar no que ocupan na poxa, o número de empresas coas que compiten, pero non coñecerán nin o importe nin o nome das outras empresas. Exemplo do funcionamento: Unha empresa ofrece 10.000 Euros pola madeira, e imaxinémonos que esa oferta é a máis alta, co que a ferramenta indicaralle que está en primeiro lugar. Se unha terceira empresa lle supera a oferta, recibirá un correo electrónico dándolle a oportunidade de incrementar a súa oferta, e así sucesivamente, ata o prazo máximo que determine o propietario forestal para recibir ofertas.
Lévase eMonte algunha comisión da venda?
En eMonte cobramos unha reducida comisión do 1% por cada un dos lotes que conseguen as empresas a través da plataforma.
Un dos grandes problemas medioambientais de Galicia son os incendios forestais. Os expertos coinciden en sinalar a abundancia de combustible forestal nos montes, como un dos factores que explican que se repitan ano tras ano. Até que punto iniciativas como eMonte cre que axudan a abordar esta cuestión?
Creo que o problema dos incendios forestais é un problema da sociedade e todos debemos aportar o noso grao de area para tratar de eliminalos. Pensamos que eMonte pode ser unha boa iniciativa, xa que permite xestionar as propiedades forestais dunha forma moi sinxela, polo que pode animar aos propietarios forestais a mirar polo seu monte sen ter que estar obrigatoriamente ao carón del.
Nestes momentos en eMonte estamos a desenvolver a campaña #TeñoMonte, gañadora da IV edición do Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego. A campaña, entre outras accións, busca valorizar o monte entre a sociedade, para o que regalamos uns fermosos carballos á xente que acode aos postos que temos por diferentes prazas de Compostela entre os meses de outubro e novembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.