SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2016 | Actualizada ás 12:04 por EUROPA PRESS
As empresas Reganosa, Evasa e un estudio dun grupo multidisciplinar da USC sobre saúde bucodental foron galardoados cos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2016, que está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta.
Así, Reganosa recibe o premio ao mellor caso de éxito en grandes empresas pola aplicación de software desenvolve polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial da USC para optimizar a rede de transporte de gas natural.
Esta solución que Reganosa emprega dende 2014 baséase na aplicación da matemática industrial para simular, en calquera escenario, o funcionamento de redes de transporte de gas de forma moi rápida, no caso de España en 13.000 quilómetros en menos de dez minutos.
Na categoría de pemes, o premio -dotado con 12.000 euros- correspóndelle a Evasa, empresa situada nas Pontes (A Coruña), que desenvolveu, coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Materiais de Asturias (ITMA), dous novos encapsulantes para a fabricación de vidro laminado, que permite unha aforro significativo de enerxía.
Pola súa banda, o premio ao mellor traballo dun grupo de investigación aplicada -dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores- recaeu nun equipo multidisciplinar da USC por buscar unha vía alternativa aos tratamentos con antibióticos contra a carie e a periodontite. No proxecto colaboran dez científicos dos departamentos de Microbioloxía e Parasitoloxía, así como da área de Estomatoloxía e Cirurxía Oral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.