“Se arriscas, competir con cine en galego é posible”

Ignacio Vilar está de volta. Despois de A Esmorga, este inverno presenta nos cines Sicixia, unha película en galego que xa logrou algún premio a nivel internacional. Nesta entrevista, ademais de explicarnos por que o son e os acentos da Costa da Morte son un dos protagonistas do novo filme, o guionista e director descúbrenos as claves para sacar adiante unha película en galego nunha industria tan dura como o cine, especialmente na época de máxima competitividade como é o inverno. Máis alá das subvencións, Ignacio Vilar cre no poder da promoción e do esforzo.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 26/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A súa nova película chámase Sicixia. Explíquenos aos profanos en astronomía que é exactamente a sicixia?

É un termo da astronomía que define, cando o sol, a terra e a lúa están en liña recta, coincide coa lúa chea, co solsticio de inverno e de verán . A sicixia inflúe nas mareas e nos océanos, e loxicamente ten que ver co que lle pasa aos personaxes. Na Costa da Morte inflúe moito máis.

“A Esmorga”,  película que conta coa participación da Televisión de Galicia.
“A Esmorga”, película que conta coa participación da Televisión de Galicia.

A película xa foi estreada en festivais, pero cando se estrea Sicixia en salas? E en cantas salas?

O 25 de novembro. Estréase en todas as cidades e vilas de Galicia nas que hai salas comerciais. Incluso en salas de multinacionais como Cinesa ou Yelmo! Nas Cancelas,  Marineda City, Los rosales … Ademais tamén en todas as grandes cidades de España. Neste intre temos aseguradas unhas 55 salas.

Vexo que segue fiel a estrear a finais de novembro, por que?

Sempre estreamos dúas semanas antes do ponte da Constitución. Se estreas dúas semanas e logras encher xa cando chega a ponte da Constitución non te poden quitar do cartel. Iso foi o que sucedeu con A Esmorga. As americanas non queren a ninguén máis nesa ponte en cartel, porque é a fin de semana que máis se vai ao cine, e polo tanto é unha data estratéxica dende o punto de exhibición.

Fotograma de Sicixia, filme de Ignacio Vilar.
Fotograma de Sicixia, filme de Ignacio Vilar.

Son varias xa as películas de vostede que logran bastante distribución comercial malia estar en galego. Considerase vostede un privilexiado?

Esta é a miña sexta longametraxe. A primeira foi distribuída a través Lauren Films, unha gran distribuidora, e dende entón decidimos que non queriamos saber nada máis delas. Dende entón levamos nós todo: promoción, distribución, etc. e con bos resultados. Con  A Esmorga logramos estar en todas as cidades en Galicia e incluso aguantamos 15 semanas nas Cancelas ou en Marineda, algo que foi un acontecemento. En Barcelona A Esmorga estivo 9 semanas en cartel. Ao fin de contas o que buscan as salas é rendibilidade e A Esmorga  foi moi rendible economicamente. Iso abriunos portas .

Fala dunha mala experiencia cunha gran distribuidora. Cal debe ser o seu papel na industria do cine?

Por desgracia, as grandes distribuidoras españolas desapareceron unha tras outra, porque non hai unha política que favoreza á distribución. As que controlan todos os cines son as multinacionais dos Estados Unidos. A política non é quen de protexer o noso cine. Os monopolios en teoría son ilegais, pero as empresas americanas que producen, distribúen e teñen as salas son as mesmas, e isto vai en contra da liberdade do mercado. No cine francés non teñen ese problema porque teñen unha política favor da súa distribución. 

Vostede é de interior, de Petín, e moitas das súas películas falan da montaña do interior. Por que desta volta escolleu a Costa da Morte?

Hai máis de 25 anos percorrín a Costa da Morte a pé. Canda a miña parella, abeiramos toda a costa. Neses 15 días a experiencia que vivimos foi impresionante. Descubrimos eses sotaques, eses acentos, sons da fala que tiñan que ver cos sons da natureza, dos cantís, dos ventos. Na etapa entre Cabo Vilán e Camelle, un dos territorios máis salvaxes, pillounos treboada moi forte, con ondas de 4 e 5 metros. Vivir iso … sentir no corpo como che batía o vento, a choiva … todo iso foi tan imporante para min. Daquela díxenme que me gustaría poder transmitir todo o que sentía nesa viaxe.  E isto é o bo do cine. Despois de vinte e pico de anos aquí estou, tiven a sorte de poder transmitir ese sentimento. Hai 3 anos díxenme que este era o intre, e percorrín outra vez a Costa da Morte para sentir todo de novo. 

De aí ven o protagonismo do son na película. Por que un dos protagonistas precisamente é profesional do son ...

Si, neses 15 días de viaxe o que máis me chegou foi o son. Esa teima quedoume aí até que descubrín como podía trasladala ao filme. O protagonista é un enxeñeiro de son que traballa por encargo para o Arquivo Sonoro de Galicia, que existe e está no Gaiás, e recolle os acentos da fala, etc., eu engadinlle que tamén recolle o son da natureza. Nestes tres anos que volvín a Costa da Morte dediqueime a investigar o que queda desa diversidade tan impresionante do noso idioma, con variedades totalmente diferentes a poucos quilómetros. Despois de tantos séculos eses sotaques teñen que ver cos eses ventos no val do Èzaro, “sssssss”, así fala a xente aló. A partir de aí  pensei que a través da protagonista podería recoller eses acentos. Marta Lado, a actriz protagonista, é ideal para iso, porque é de Fisterra. 

O Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela alerta de que "non existen políticas efectivas que poñan en valor o cinema realizado en galego". Está de acordo?

Competir é moi difícil pola forma na que actúan as grandes multinacionais; pero dentro desas dificultades,e  con ausencia desas políticas, aí están as nosas películas e ademais sacando unha resposta moi grande. O que demostra que aínda hai posibilidades de competir se arriscas. Na esmorga para preparar a promoción estivemos a traballar 8 persoas durante 2 meses a 14 horas diarias. Con Sicixia levamos xa dous meses con 6 persoas, para negociar coas salas, facer as tarefas de promoción. Dentro desa falta de apoio político, hai posibilidades, iso si, cun esforzo moi grande. Hai que loitar nos dous frontes, o político e o comercial, que as películas cheguen as salas pero que tamén as enchan. Por exemplo Sicixa vai ter unha promoción moi grande, en todas as cidades, con valados, carteis en autobuses, tamén en grandes vilas como Carballo e Cee. Ao final a promoción é tan importante como o outro. 

Que tal foi o recibimento na Sección Oficial del Festival Cinespaña de Toulouse? 

Impresionante. Con 400 espectadores franceses abraiados ao descubrir un país e un idioma. Logo tivemos un coloquio de tres horas e quedei impresionado de como o cine pode chegar a espectadores totalmente alleos á nosa cultura. Isto é o mais grande do cine. 

En que proxectos de futuro anda a cavilar Ignacio Vilar…

Agora estou totalmente centrado na promoción, pero en febreiro poreime a cavilar. 

E que nos recomenda ver este inverno, a parte de Sicixia?

O documental Os días afogados de Luís Avilés, que estivo na sección oficial de Toulouse, sobre a construción do encoro de Lindoso. Tamén o documental de Eloy Domínguez Non hai vacas no xeo, que amosa as dificultades de adaptación dun inmigrante galego en Suecia e que tivo o premio ao mellor documental no festival de Tolouse, no que había tres longametraxes do país, o que demostra que o cine galego está agora representado nos grandes festivais.

Ignacio Vilar
Ignacio Vilar | Fonte: Bene Riobó en Wikipedia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta